
O alcalde de Dumbría, Raúl González, participou o pasado martes 5 de maio en O Porto (Portugal) nunha xornada organizada pola Asociación de Concellos do Camiño a Fisterra-Muxía, co obxectivo de fortalecer os lazos estratéxicos e impulsar a promoción internacional desta ruta xacobea.
No acto de benvida interviron o presidente de Turismo do Porto e Norte de Portugal, Luis Pedro Martins; a presidenta da Asociación do Camiño Fisterra-Muxía, María Luisa Rodríguez; e a representante de Turismo da Xunta de Galicia, Elvira Fernández Piñeiro, quen destacaron a importancia da colaboración institucional para continuar potenciando o Camiño como destino turístico e cultural de referencia.
A xornada contou cun completo programa de actividades orientadas á promoción do territorio e ao intercambio profesional, incluíndo mesas de traballo B2B e sesións de networking entre entidades e axentes turísticos de Galicia e Portugal.
A gastronomía e a artesanía tamén tiveron un papel destacado nesta cita internacional. O Restaurante O Camiño Fala, de Mazaricos, ofreceu un showcooking con degustación de produtos locais, mentres que a artesá e palilleira Lucita Figueiroa, de Muxía, realizou unha mostra en directo do tradicional encaixe de bolillos.
Desde o Concello de Dumbría valórase moi positivamente a participación nesta iniciativa, que contribúe a seguir consolidando o Camiño a Fisterra-Muxía como un recurso turístico de gran valor para o territorio e unha oportunidade de desenvolvemento económico e cultural para os concellos que forman parte desta ruta.