Aprobadas en pleno as iniciativas do BNG de Dumbría en favor da gratuidade da AG-55 e de apoio ao cadro de persoal de Xeal 

Os nacionalistas tamén sacaron adiante na  sesión plenaria mocións en defensa do sector lácteo galego, de rexeitamento da guerra e contra o militarismo, e contra a criminalización das baixas laborais por parte da Xunta

Dumbría, 8 de maio de 2026. O pleno da corporación de Dumbría vén de aprobar este xoves 7 de maio sendas mocións do grupo municipal do BNG nas que se solicitaba a eliminación das peaxes da autovía AG-55 e o apoio aos traballadores e traballadores de Xeal, que están vendo a falta de avances na negociación do convenio colectivo. 

O portavoz dos nacionalistas, Xaime Trillo Canosa, sinalou que a iniciativa sobre a gratuidade da autovía foi ratificada por unanimidade, e alegrouse que toda a corporación – PSOE, BNG e PP – votase a favor da eliminación das peaxes. “Agardamos que a Xunta tome nota do clamor que existe na sociedade para que a autovía sexa dunha vez por todas gratuíta”, engadiu.

En canto á moción de apoio ao cadro de persoal de Xeal, Trillo Canosa amosouse crítico pola falta de unanimidade, e manifestou que “resulta sorprendente que neste tema o grupo do PSOE estivera dividido, con  catro abstencións e tres votos afirmativos; debería haber un respaldo conxunto de toda a corporación para un tema tan importante como a defensa das xustas reivindicacións laborais dos traballadores e traballadoras de Xeal, que están loitando pola recuperación do seu poder adquisitivo”. Neste punto, o PP optou pola abstención.

Aprobadas outras tres mocións

Na sesión plenaria tamén saíron adiante outras tres iniciativas presentadas polo BNG. Nunha delas, aprobada por unanimidade, a formación nacionalista solicitou á Xunta que promova a constitución dunha mesa de interlocución sectorial entre empresas lácteas e representantes do sector produtor galego, coa mediación da Consellería de Medio Rural, para establecer un marco galego estable de negociación dos prezos do leite en orixe. “Trátase dunha cuestión importante para o noso concello, onde existen produtores leiteiros que están sendo maltratados polas nefastas políticas sobre o agro”, afirmou Xaime Trillo.

Outras das mocións tratou sobre as consecuencias da guerra no Irán, en favor da paz e contra o militarismo. Contou co voto favorable do BNG, mentres o PSOE e o PP abstivéronse. E por último, a iniciativa en defensa da clase traballadora e contra a criminalización das baixas laborais por parte da Xunta foi aprobada co apoio de PSOE e BNG, e o voto en contra do PP.