Máis de 500 estudantes participarán en Baio no I Día da Ciencia na Rúa 

O IES Maximino Romero de Lema de Baio organiza este xoves o “I Día da Ciencia na Rúa”, unha iniciativa divulgativa e educativa na que participarán tamén outros sete centros da contorna: o IES Pedra da Aguia (Ponte do Porto), o IES Terra de Soneira (Vimianzo), o IES Eduardo Pondal (Ponteceso), o CPI As Revoltas (Cabana), o CPI Cabo da Area (Laxe), o CPI de San Vicente (A Baña) e o CPI de Zas.

A actividade desenvolverase no pavillón polideportivo de Baio, en horario de 10.30 a 13.30 horas, e reunirá centos de estudantes arredor da ciencia, a tecnoloxía e a innovación. Ao longo da mañá, o alumnado participante presentará unha ampla variedade de experimentos, xogos, proxectos e deseños relacionados cos ámbitos da física, a química, a bioloxía, a tecnoloxía e as matemáticas.

A organización estima que máis de 500 rapaces e rapazas pasarán polo recinto durante a xornada. Ademais, o evento estará aberto ao público, polo que poderá asistir como visitante calquera persoa interesada.

O “I Día da Ciencia na Rúa” enmárcase dentro da Semana Cultural que o IES Maximino Romero de Lema celebra estes días. O programa inclúe tamén conferencias, obradoiros, actuacións musicais e visitas a distintos espazos de interese, co obxectivo de fomentar a participación, a creatividade e a aprendizaxe fóra das aulas.