Fisterra reforza a Policía Local para o verán coa incorporación de dous auxiliares

O Concello de Fisterra reforza o servizo da Policía Local para a tempada estival coa incorporación de dous auxiliares

O Concello de Fisterra vén de ampliar temporalmente o cadro de persoal da Policía Local coa incorporación de dous novos auxiliares, unha medida que permitirá reforzar a seguridade e mellorar a atención á cidadanía durante os meses de verán.

Con estas incorporacións, o Goberno local busca dar resposta ao incremento de actividade e afluencia de persoas que se rexistra na vila durante a tempada estival, garantindo así un servizo máis eficiente tanto para a veciñanza como para as numerosas persoas visitantes que elixen Fisterra como destino turístico.

Ademais, o Concello tamén ampliará o horario de servizo da Policía Local co obxectivo de incrementar a capacidade de resposta, mellorar a atención e reforzar a seguridade en todo o termo municipal.

Desde o Concello destacan que esta actuación forma parte do compromiso do executivo municipal por continuar impulsando medidas destinadas a fortalecer a seguridade, optimizar os servizos públicos e ofrecer unha mellor atención á cidadanía, especialmente nun período de alta demanda como é o verán.