O BNG denuncia a demora de Portos de Galicia nas actuacións para mellorar a seguridade do porto de Malpica

No pleno ordinario do mes de marzo de 2026, o BNG de Malpica formulou unha serie de preguntas ao goberno municipal que foron respondidas no pleno celebrado en maio. Entre elas, interesámonos polo estado dos estudos que está a realizar Portos de Galicia para mellorar a seguridade do porto de Malpica.

A resposta do concelleiro do PP, Alfredo Parga, foi que “non hai nada novo” e que os estudos “estarán listos a finais de ano”.

Desde o BNG consideramos preocupante esta falta de avances nun asunto de máxima importancia para a seguridade das persoas traballadoras do mar e para o futuro da actividade pesqueira do noso porto. Cómpre lembrar que xa se cumpriron sete anos do afundimento do pesqueiro Silvosa na dársena de Malpica, un suceso que puxo de manifesto os problemas existentes nas instalacións portuarias.

Ademais, hai xa cinco anos que o Centro de Investigacións Mariñas (CIAM) emitiu un informe no que instaba expresamente a Portos de Galicia a non demorar nin a conclusión dos estudos iniciados nin a execución das obras que destes se derivaran.

A pesar do tempo transcorrido e das advertencias técnicas realizadas, a única información que se ofrece continúa sendo que os estudos seguen en elaboración. Unha situación que evidencia unha preocupante lentitude por parte da administración autonómica á hora de abordar unha demanda histórica do sector pesqueiro e da veciñanza de Malpica.

O BNG seguirá insistindo para que Portos de Galicia actúe con responsabilidade, acelere os traballos pendentes e execute as actuacións necesarias para garantir unhas condicións de seguridade adecuadas nunha infraestrutura estratéxica para o noso concello.