A alcaldesa de Vimianzo agradece o labor dos equipos de emerxencias tras un incendio de gran intensidade

Mónica Rodríguez destaca a profesionalidade e a coordinación dos servizos de extinción e de Protección Civil nunha xornada marcada polo vento e a rápida propagación das lapas.

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, quixo trasladar o seu agradecemento público a todas as persoas que participaron no operativo de extinción do incendio rexistrado onte no municipio, nunha xornada especialmente complicada polas condicións meteorolóxicas adversas e os fortes refachos de vento.

A intensidade do lume e a rápida propagación das lapas dificultaron considerablemente os traballos de extinción, nun contexto no que a prioridade absoluta foi garantir a seguridade da veciñanza e frear o avance do incendio.

Nunha mensaxe de agradecemento, a rexedora puxo en valor a resposta dos profesionais e voluntarios que interviñeron na emerxencia, destacando especialmente o traballo do Distrito Forestal V, con base en Vimianzo, así como dos efectivos desprazados desde os distritos forestais II, III e IV.

Rodríguez salientou que a coordinación, a capacidade de resposta e o esforzo dos equipos foron fundamentais para afrontar unha situación de gran dificultade.

A alcaldesa tamén tivo palabras de recoñecemento para as agrupacións de Protección Civil de Vimianzo e Camariñas, que participaron desde o primeiro momento no dispositivo, colaborando nos labores de apoio e prestando a asistencia necesaria durante a emerxencia.

«Detrás de cada uniforme hai persoas que, en situacións de enorme risco, dan o mellor de si mesmas para protexernos a todos», sinalou a rexedora, quen destacou a importancia de recoñecer o compromiso e a dedicación de todos os efectivos implicados.

Mónica Rodríguez subliñou, ademais, que este episodio volveu poñer de manifesto a importancia da coordinación entre os distintos servizos de emerxencias e da colaboración para facer fronte a situacións desta magnitude.

A alcaldesa concluíu reiterando o seu agradecemento a todas as persoas que participaron no operativo e recoñeceu o labor de quen, ante a ameaza do lume, traballa para protexer a veciñanza e defender o territorio.

«Porque cando o lume ameaza a nosa terra, hai persoas que non dubidan en poñerse diante para defendela. E iso non o podemos esquecer», afirmou.