
A Baña, 10 de xuño. O Concello da Baña contará cun financiamento de 293.611,10 euros da Xunta de Galicia para levar a cabo as obras de mellora dun viario municipal situado na zona de Troitosende, unha actuación que permitirá reforzar as comunicacións coa área limítrofe cara a Vilacova e incrementar a seguridade dos usuarios da vía.
O alcalde, José Antonio Pereira Gil, participou este martes na sinatura do convenio que fará posible a execución do proxecto, nun acto no que tamén estiveron presentes a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto.
A actuación prevista inclúe a renovación do firme da estrada, a mellora das condicións de seguridade viaria, a optimización dos sistemas de drenaxe e a actualización da sinalización. Estes traballos permitirán incrementar a funcionalidade da infraestrutura e garantir unha circulación máis segura e cómoda para os veciños e veciñas da contorna.
O investimento financiarase mediante un préstamo sen xuros procedente do Fondo de Cooperación da Xunta de Galicia, un instrumento destinado aos concellos de menos de 50.000 habitantes para facilitar a execución de proxectos estratéxicos e a modernización das infraestruturas locais.
Desde o Concello destacan que esta actuación supón un novo avance na aposta pola mellora dos servizos públicos e das comunicacións nas parroquias do municipio, contribuíndo ao desenvolvemento do territorio e á mellora da calidade de vida da veciñanza.
“Seguimos traballando para dotar ás nosas parroquias de mellores servizos e comunicacións, impulsando actuacións que respondan ás necesidades reais da cidadanía”, sinalan desde o goberno municipal.