A Banda de Música Municipal de Padrón presenta a nova tempada 2026-2027 baixo o lema ‘Cando a música fala’

A programación inclúe tres grandes concertos: Santa Icía, Aninovo e Rosalía, citas que reforzan o vínculo da agrupación coa identidade cultural e as tradicións do municipio.

PADRÓN | 18 de novembro de 2026. A Banda de Música Municipal de Padrón vén de presentar a programación da súa nova tempada 2026-2027, que se desenvolverá baixo o lema ‘Cando a música fala’, cunha proposta que combina tradición, cultura e emoción a través de tres actuacións destacadas ao longo dos vindeiros meses.

O acto de presentación celebrouse na casa consistorial e contou coa participación do presidente da Banda, José Cerqueiras; do director da agrupación, Santi Mella, e do alcalde de Padrón, Anxo Arca, que deron a coñecer os detalles dunha programación que volve situar a música como protagonista da vida cultural padronesa.

A tempada arrancará o sábado 28 de novembro, no marco do Outono Cultural, co tradicional Concerto de Santa Icía, unha das actuacións máis emblemáticas da agrupación e unha cita consolidada no calendario musical do municipio, coa que a Banda rende homenaxe á patroa da música.

A seguinte convocatoria será o sábado 2 de xaneiro de 2027, co Concerto de Aninovo, unha proposta para dar a benvida ao novo ano compartindo coa veciñanza unha nova experiencia musical.

Xa o sábado 20 de febreiro de 2027 chegará o Concerto de Rosalía, unha actuación especialmente vinculada á figura de Rosalía de Castro e á súa estreita relación con Padrón, reivindicando a importancia da escritora na historia e na identidade cultural da localidade.

A música como linguaxe de encontro

Baixo o lema ‘Cando a música fala’, a Banda de Música Municipal de Padrón aposta por unha tempada que pretende poñer de manifesto a capacidade da música para transmitir sentimentos, evocar historias e crear espazos de encontro entre persoas de diferentes xeracións.

As tres citas programadas manteñen, ademais, unha estreita conexión coas tradicións e cos referentes culturais do municipio, reforzando o papel da agrupación como unha das formacións máis representativas da actividade cultural de Padrón.

Desde o Concello animan á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta nova tempada e acompañar a Banda nas súas actuacións, desfrutando dunha programación que combina celebración, memoria e identidade arredor da música.