A Corporación Municipal de Laxe aclara que o informe desfavorable da Deputación sobre a senda entre a DP-4001 e Campo da Torre “si existe”

A Corporación Municipal de Laxe emitiu un comunicado para responder ás críticas realizadas nos últimos días polo BNG local en relación co proxecto da senda peonil entre a DP-4001 e Campo da Torre, despois de que a formación nacionalista acusase ao goberno municipal de “mentir” á veciñanza sobre a existencia dun informe desfavorable da Deputación Provincial da Coruña.

Segundo explica o executivo local, o citado informe “si existe” e está asinado polos servizos técnicos da administración provincial. Nel, engaden, indícase que o proxecto presentado inicialmente recibiu un informe desfavorable debido ás pendentes existentes na zona e ao tipo de pavimentación proposta, solicitándose unha serie de correccións técnicas para continuar coa súa tramitación.

Dende o Concello sinalan que, unha vez coñecidas as observacións técnicas, o goberno municipal actuou “como debe facer unha administración responsable”, traballando na adaptación e corrección do proxecto para cumprir cos requisitos esixidos pola Deputación.

Neste sentido, lembran que o pasado 5 de maio de 2026 foi presentada nova documentación técnica no rexistro oficial, incorporando as modificacións solicitadas tras o informe desfavorable inicial.

A Corporación Municipal tamén subliña que os prazos administrativos non dependen exclusivamente da vontade política, senón que están condicionados polos informes técnicos, autorizacións e trámites establecidos por lei. Por iso, defenden que o labor do goberno local foi “seguir traballando con responsabilidade e seriedade institucional” para desbloquear a actuación e sacar adiante o proxecto.

No comunicado, o executivo local lamenta ademais que se poña en dúbida “o traballo dos técnicos e funcionarios” e considera que determinadas publicacións buscan “confundir á veciñanza” mediante acusacións que, segundo indican, “a realidade documental desmonta completamente”.

Finalmente, o Concello asegura que continuará traballando para impulsar proxectos considerados prioritarios para o municipio e para mellorar as infraestruturas e servizos destinados aos veciños e veciñas de Laxe.