A CORUÑA, BAIXO FOCO DA INSEGURIDADE: APUNALAMENTOS, ROUBOS E VIOLENCIA NAS RÚAS DURANTE O GOBERNO DE INÉS REY

Un novo apuñalamento este sábado no Agra do Orzán e outro roubo con forza engádense a un mes marcado por sucesos graves. A cidadanía merece explicacións e medidas ante unha situación que está a xerar preocupación nos barrios coruñeses.

A inseguridade volve situar A Coruña no centro da preocupación cidadá. O último mes deixou unha sucesión de episodios delituosos que debuxan un panorama preocupante: agresións con armas brancas, roubos violentos, asaltos a negocios, tráfico de drogas e actuacións contra grupos criminais.

O último episodio produciuse este sábado pola noite, cando un home foi apuñalado no interior dun establecemento hostaleiro na zona do Agra do Orzán, na confluencia da rolda de Outeiro coa avenida de Fisterra. O suceso provocou un importante despregamento policial e sanitario, con efectivos da Policía Nacional, Policía Local e varias ambulancias. A Policía Nacional investiga o ocorrido.

Pero non é un caso illado.

O pasado 25 de outubro, o porteiro dun karaoke do Agra do Orzán recibiu tres coiteladas despois de impedir a entrada dun individuo. O 17 de novembro coñeceuse a desarticulación dun grupo criminal dedicado a asaltar gasolineiras e establecementos comerciais utilizando machetes, mazas e outras ferramentas.

O 20 de novembro, o propietario dunha tenda de alimentación de O Ventorrillo resultou ferido por arma branca durante un roubo no seu negocio da rúa Mosteiro de Bergondo. O presunto autor foi detido pola Policía Nacional.

E este sábado, 21 de novembro, outro apuñalamento e un novo roubo con forza volven engadir preocupación a unha cidade que reclama maior seguridade.

A estes sucesos súmanse as intervencións policiais contra puntos de venda de drogas, como o operativo realizado nos Castros a principios de novembro.

OS DATOS OFICIAIS TAMÉN DEIXAN MOTIVOS PARA A PREOCUPACIÓN

O balance de criminalidade do Ministerio do Interior correspondente ao primeiro semestre de 2026 reflectiu 5.002 infraccións penais na cidade, fronte ás 4.528 do mesmo período de 2025. Un incremento do 10 %.

Especialmente significativo foi o aumento dos roubos con forza en domicilios, cun 60,5 % máis; dos roubos con violencia, un 34,6 % máis; e dos intentos de homicidio, cun incremento do 75 %.

E ANTE ESTA SITUACIÓN, QUE ESTÁ A FACER INÉS REY?

A alcaldesa da Coruña non pode permanecer allea a unha realidade que afecta directamente á tranquilidade dos veciños, dos comerciantes e das familias.

É evidente que a seguridade cidadá non depende exclusivamente do Concello, pero iso non exime o Goberno municipal das súas responsabilidades. A Policía Local, a prevención, a vixilancia dos barrios e a coordinación co resto das forzas de seguridade tamén forman parte da resposta que debe ofrecer a administración municipal.

Cantos máis episodios de violencia teñen que producirse para que se presente un plan de actuación con medidas concretas? Hai efectivos suficientes nas rúas? Que medidas se están adoptando nos barrios onde os veciños denuncian problemas recorrentes?

Os coruñeses non poden vivir coa preocupación de que un comerciante sexa atacado no seu propio negocio ou de que unha saída nocturna remate nunha agresión con arma branca.

A Coruña merece barrios seguros, negocios protexidos e rúas nas que a cidadanía poida vivir con tranquilidade.

Inés Rey debe dar explicacións. Gobernar tamén significa asumir responsabilidades e actuar cando os problemas afectan directamente á vida dos veciños. A seguridade da Coruña non pode quedar para mañá.