
A Deputación da Coruña aprobou no pleno un convenio de colaboración con Augas de Galicia e os concellos de Cee e Corcubión para a construción dunha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR), unha infraestrutura clave para mellorar o saneamento da ría e modernizar o sistema actual.
O investimento total da actuación ascende a 13,87 millóns de euros. O financiamento estrutúrase cunha achega do 60% procedente do FEDER e do 20% de Augas de Galicia, mentres que o 20% restante será asumido polas entidades locais.
Neste marco, a Deputación da Coruña comprométese a achegar 1,4 millóns de euros, distribuídos en dúas anualidades de 700.000 euros, co obxectivo de aliviar a carga financeira dos municipios. Desa cantidade, Cee recibirá 1 millón de euros e Corcubión 400.000 euros, complementando así as súas achegas propias.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que se trata dun investimento “imposible de asumir en solitario polos concellos” e puxo en valor a cooperación institucional para facer realidade unha obra “imprescindible para o futuro da comarca e para a recuperación ambiental da ría”.
A nova EDAR situarase no termo municipal de Cee, preto da rúa Fornelos e da zona do porto de Brens, nunha localización que permitirá manter operativa a depuradora actual durante a execución das obras. A instalación existente, construída nos anos noventa, presenta na actualidade limitacións técnicas e de capacidade, ademais de problemas derivados do seu envellecemento.
A futura infraestrutura estará dimensionada para máis de 16.400 habitantes equivalentes e contará cun sistema de tratamento avanzado, incluíndo eliminación de nitróxeno e desinfección por ultravioleta. Tamén incorporará melloras na xestión de fangos e novas instalacións de control e explotación.
A actuación enmárcase dentro das políticas de mellora do saneamento e da calidade das augas na ría de Cee-Corcubión, en liña cos obxectivos ambientais europeos e coa normativa vixente en materia de depuración e protección dos ecosistemas acuáticos.