
A estrada de Aviño atópase nun estado que dificulta seriamente o tránsito dos veciños, cun firme cada vez máis deteriorado e numerosos desperfectos que fan que circular por esta vía sexa cada día máis complicado.
Segundo denuncian os afectados, ante as queixas trasladadas ao Concello de Malpica, a resposta recibida foi, textualmente, que “non hai cartos nin empresas para arranxar isto e que non se vai facer nada”.
Unha situación que está a provocar indignación entre os veciños, que consideran esta resposta “vergonzosa e moi pouco profesional”. Reclaman que unha vía pública que dá servizo á veciñanza se manteña en condicións adecuadas de seguridade e circulación.
“Vendo que Aviño non existe, supoño que xa non se nos van cobrar máis impostos”, ironizan os afectados, criticando a falta de solucións ante o deterioro da estrada.
Os veciños agardan que o Concello revise a situación e adopte medidas para reparar a vía, antes de que o seu estado empeore aínda máis e o acceso a Aviño se converta nun problema maior para a veciñanza.