
O Concello distingue á familia impulsora do Grupo Scala como Peregrinos de Honra pola súa traxectoria de máis de catro décadas e a súa contribución á promoción turística, gastronómica e patrimonial de Padrón.
Padrón, 21 de outubro de 2026.– O Concello de Padrón concede á familia Vidal, impulsora do Grupo Scala, o premio “Padrón, Berce do Xacobeo 2026”, que inclúe o recoñecemento como Peregrinos de Honra, en agradecemento á súa contribución ao desenvolvemento turístico e económico da vila e á promoción dun modelo baseado na calidade, na gastronomía e na posta en valor do patrimonio local.
O acto de entrega do galardón celebrarase o vindeiro 30 de outubro, ás 19.00 horas, na Igrexa de Santiago de Padrón, nunha cerimonia aberta á participación da veciñanza.
A distinción incorpora este ano unha novidade, xa que o recoñecemento deixa de centrarse nunha persoa física para homenaxear unha familia. Con esta decisión, o Concello quere destacar o traballo colectivo, a continuidade xeracional e a visión compartida que permitiron consolidar un proxecto empresarial estreitamente vinculado á identidade de Padrón.
Fundado en 1980, o Grupo Scala foi medrando ata integrar catro establecementos de referencia: o Hotel Scala, o Asador O’Pazo, o Pazo de Arretén e o Restaurante Brandal. En conxunto, conforman unha oferta que abrangue a hostalaría, a gastronomía e a celebración de eventos en espazos de especial interese histórico, contribuíndo a enriquecer a experiencia das persoas visitantes e peregrinas.
Entre os principais referentes do grupo destaca o Asador O’Pazo, distinguido cunha estrela Michelin e dous Soles Repsol. En 2025, a guía gastronómica Opinionated About Dining (OAD) situouno como o segundo mellor restaurante de nova creación de Europa. Estes recoñecementos avalan unha proposta culinaria que sitúa o produto de calidade, a brasa e a identidade gastronómica galega no centro da súa oferta.
Outro dos espazos destacados é o Pazo de Arretén, un inmoble histórico do século XVI vinculado á familia materna de Rosalía de Castro. A súa rehabilitación permitiu recuperar o valor patrimonial do edificio e adaptalo a novos usos turísticos, como o aloxamento e a celebración de eventos, nun exemplo de integración entre conservación histórica e actividade económica.
Pola súa banda, o Hotel Scala constitúe desde os inicios do grupo un referente da hostalaría local, cunha especial atención ás persoas que visitan Padrón e ás que percorren o Camiño de Santiago. O Restaurante Brandal completa a oferta cunha proposta gastronómica que combina a tradición culinaria galega, o coidado do produto e unha atención orientada a ofrecer experiencias diferenciadas.
Un compromiso que vai máis alá da actividade empresarial
A vinculación da familia Vidal con Padrón transcende o ámbito empresarial. Ao longo de máis de catro décadas, o Grupo Scala mantivo unha disposición activa á colaboración co Concello en iniciativas destinadas a mellorar a vila e reforzar o seu atractivo. Entre os exemplos desta implicación figuran a colaboración co alumeado de Nadal e o apoio a diferentes proxectos e propostas municipais que contribúen á dinamización da localidade, á mellora dos espazos públicos e á calidade de vida da veciñanza.
O Concello destaca a importancia desta cooperación entre a Administración local e o tecido empresarial para construír unha vila máis dinámica, acolledora e atractiva, tanto para as persoas residentes como para quen a visita. Neste sentido, agradece expresamente a colaboración e a implicación da familia Vidal en iniciativas que favorecen o desenvolvemento de Padrón.
Un recoñecemento ao valor das empresas familiares
Co premio “Padrón, Berce do Xacobeo 2026”, o Concello quere poñer en valor o papel das empresas familiares no fortalecemento da economía local, na proxección exterior do municipio e na consolidación dun modelo turístico que sitúa a calidade, a cultura, a gastronomía e o patrimonio entre os seus principais sinais de identidade.
A homenaxe á familia Vidal recoñece unha traxectoria empresarial ligada ao territorio e o compromiso de quen, desde o seu traballo diario e o seu arraigamento, contribúe á construción do presente e do futuro da vila.
O Concello convida á veciñanza e a todas as persoas interesadas a asistir ao acto do 30 de outubro, ás 19.00 horas, na Igrexa de Santiago, para compartir esta homenaxe e recoñecer publicamente a contribución da familia Vidal ao desenvolvemento turístico, gastronómico e económico de Padrón.
