
A edición de 2027 incorpora como novidade o GreenHub Verín-Monteval, un itinerario específico para apoiar proxectos empresariais no sur de Ourense
Oleiros, 5 de outubro de 2026.– A Fundación Juana de Vega abriu o prazo de inscrición para participar na décimo quinta edición do seu Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias, unha iniciativa que en 2027 incorpora como principal novidade a creación do GreenHub Verín-Monteval, un itinerario territorial específico destinado a persoas emprendedoras e empresas da comarca e da súa contorna.
O novo programa estará dirixido a iniciativas dos concellos da Gudiña, A Mezquita, Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós, así como doutros municipios próximos. A proposta nace coa finalidade de contribuír á recuperación e dinamización económica dunha zona especialmente afectada polos incendios dos últimos anos.
Desde a Fundación Juana de Vega destacan que esta nova liña permitirá poñer ao servizo das empresas e das persoas emprendedoras da zona o coñecemento e a experiencia acumulados ao longo de quince anos. O obxectivo é impulsar novos proxectos empresariais, fomentar a innovación no sector agroalimentario, dinamizar o territorio e contribuír á conservación da paisaxe.
“Un territorio rural non se constrúe só con mapas ou diagnósticos, senón con persoas, actividade económica e comunidades locais activas”, sinalan desde a entidade, en referencia ás conclusións do I Foro Territorio Rural Resiliente.
Prazo de inscrición ata o 8 de decembro
As persoas interesadas en participar poderán presentar as súas candidaturas ata o martes 8 de decembro de 2026 a través dos formularios dispoñibles na web do programa: https://programadeapoyo.juanadevega.org.
A convocatoria xeral está aberta a iniciativas localizadas en Galicia, mentres que no caso do GreenHub Verín-Monteval os proxectos deberán estar situados nos dez municipios incluídos no itinerario ou na súa contorna.
O programa está destinado a proxectos vinculados aos sectores agroalimentario —produción, transformación e comercialización—, forestal, bioeconomía, marisqueiro e pesqueiro, así como a iniciativas de base tecnolóxica e a servizos de apoio relacionados con estas actividades.
Dúas modalidades de participación
A convocatoria contempla dúas modalidades. A primeira é Emprendemento, destinada á creación de novas empresas, así como a procesos de sucesión ou recuperación de negocios familiares. As persoas participantes recibirán acompañamento para desenvolver un plan rigoroso que lles permita definir a estratexia do proxecto e facilitar a súa implantación no mercado.
A segunda modalidade, Crecemento e consolidación, está dirixida a autónomos, micropemes e pemes xa existentes que necesiten reforzar ou mellorar diferentes áreas dos seus negocios.
Neste caso, o apoio poderá centrarse en cuestións como a análise de mercados, o deseño de novas propostas de valor, a organización empresarial, os estudos de mercado, os plans de financiamento e comerciais ou as estratexias de comunicación e márketing.
Doce proxectos seleccionados
Entre todas as candidaturas recibidas, a Fundación Juana de Vega seleccionará en xaneiro de 2027 un total de doce beneficiarios. Ao longo do ano, os proxectos seleccionados participarán nun itinerario formado por diferentes fases complementarias e escalables.
Cada iniciativa contará con 50 horas de formación e 25 horas de titorías personalizadas, adaptadas ás necesidades concretas de cada empresa ou proxecto emprendedor.
Con esta nova edición, a Fundación Juana de Vega busca continuar apoiando o tecido empresarial ligado ao medio rural galego e, ao mesmo tempo, reforzar o acompañamento ás iniciativas económicas dunha das zonas do interior de Galicia máis afectadas polos incendios nos últimos anos.
