Salvemos A Ruña: cando a coherencia ten código postal

Parece que agora toca falar de «coherencia política e ideolóxica». E non o dicimos nós, díceo o histórico nacionalista Guillerme Vázquez. A cuestión é que, cando se fala de coherencia, hai quen non pode evitar mirar cara á Ruña e preguntarse se esa palabra cambia de significado segundo o concello no que se aplique.

Porque resulta curioso que o BNG levante a voz contra Altri, contra a balsa de Meirama e contra a balsa de Cornanda, pero que cando aparece no mapa a balsa da Ruña se produza un fenómeno digno de estudo: un silencio tan absoluto que case podería declararse espazo natural protexido.

Na Plataforma Salvemos A Ruña seguimos agardando unha explicación. Quizais exista unha razón política, técnica ou ambiental que xustifique tanta diferenza de criterio. Pero, mentres esa explicación non chega, a pregunta segue no aire: que ten a Ruña que non teñan os demais proxectos que merecen a oposición frontal do nacionalismo galego?

Será casualidade que a infraestrutura estea situada en Mazaricos? Será casualidade que en Mazaricos goberne o BNG? Será casualidade que o concello teña intereses directos na tramitación urbanística? Demasiadas casualidades xuntas para quen presume de coherencia como bandeira.

E mentres tanto, dentro do Bloque continúan as distintas sensibilidades, correntes e familias políticas compartindo unha rara unanimidade: a de non pronunciar a palabra «Ruña». Un consenso tan sólido que xa o quixeran para outras cuestións.

Desde Salvemos A Ruña seguen preguntando o mesmo de sempre: se unha balsa é mala en Meirama, en Cornanda ou onde sexa, por que deixa de selo cando chega a Mazaricos? A coherencia, como o medio ambiente, debería servir para todo o territorio galego e non depender do código postal.