
A Plataforma Terra de Soandres mantivo este mércores unha reunión con Xosé Penas, deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, para trasladarlle a súa preocupación polas posibles afeccións que a proxectada macroplanta de biogás podería ocasionar no patrimonio arqueolóxico da parroquia.
Durante o encontro, a plataforma puxo o foco na riqueza patrimonial da contorna onde se prevé instalar o proxecto, destacando a mámoa da Chousa Grande e outros importantes vestixios arqueolóxicos situados nun perímetro de 500 metros, como o petróglifo do Couto Martíns, a mámoa de Santa Baia, o Castro de Santa Baia e o campamento romano escavado recentemente.
A reunión permitiu, ademais, situar nun mesmo mapa todos estes elementos patrimoniais e conectalos co trazado do Camiño Real, evidenciando a relevancia histórica e arqueolóxica deste territorio.
Desde a Plataforma Terra de Soandres considérase que esta zona constitúe un punto estratéxico, como porta de entrada á comarca de Bergantiños, polo que resulta fundamental investigar, protexer e interpretar estes elementos de maneira conxunta, recoñecendo o seu valor histórico, cultural e patrimonial.
A plataforma agradeceu a Xosé Penas e a Carolina a súa visita, así como o tempo dedicado a coñecer de primeira man as preocupacións trasladadas.
O patrimonio de Soandres merece ser coñecido, investigado e protexido. Seguimos traballando na súa defensa!
