
A asociación Noia Limpa participou na XV Limpeza Simultánea de Praias promovida por ADEGA, coa colaboración de persoas voluntarias.
A praia de Testal, en Noia, foi escenario esta mañá dunha nova xornada de limpeza ambiental organizada pola asociación Noia Limpa, no marco da XV Limpeza Simultánea de Praias, unha iniciativa promovida por ADEGA para fomentar o coidado do litoral e a concienciación ambiental.
Grazas á implicación e ao traballo das persoas voluntarias, durante a actividade conseguiuse retirar un total de 70 quilos de residuos da praia. Unha vez rematada a limpeza, todos os refugallos recollidos foron trasladados ao Punto Limpo de Noia para garantir a súa correcta xestión.
Desde o Concello de Noia quixeron agradecer publicamente a Noia Limpa a organización desta iniciativa e o seu compromiso continuado coa protección do medio natural. Así mesmo, trasladaron o seu recoñecemento a todas as persoas voluntarias que dedicaron parte da súa mañá a colaborar na limpeza e conservación deste espazo natural.
Esta actuación pon de manifesto a importancia da colaboración cidadá e do traballo colectivo para manter as praias limpas, protexer os ecosistemas mariños e avanzar cara a unha contorna máis sostible.
A participación e o compromiso da veciñanza son fundamentais para coidar o noso litoral e preservar o patrimonio natural de Noia.


