
Juan José Blanco Riveiro anunciou que non se presentará á reelección como alcalde de Mazaricos, poñendo fin á súa etapa á fronte do Concello.
«Foi unha honra ser alcalde de Mazaricos», sinalou o rexedor, que agradeceu o apoio dos veciños, da corporación municipal, dos traballadores do Concello e, especialmente, da súa familia e amigos.
«Agora chegou o momento de afrontar novas metas e novos proxectos, e de deixar paso», afirmou, despedíndose cunha mensaxe de agradecemento: «Grazas por todo e por tanto».
A alcaldía de Mazaricos, marcada pola polémica da balsa da Ruña
A Plataforma Salvemos A Ruña acusa o BNG de manter un dobre discurso enerxético e reclama coherencia, diálogo e transparencia na súa actuación ambiental.
A Plataforma Salvemos A Ruña volve criticar o BNG, ao que acusa de defender modelos enerxéticos diferentes segundo estea na oposición ou no goberno. A entidade pon como exemplo o conflito arredor da balsa da Ruña, en Mazaricos, que cualifica de «ecocidio».
Segundo a plataforma, desde 2022 solicita unha reunión coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sen obter resposta. Por iso, reclama explicacións públicas e denuncia a falta de diálogo coa formación nacionalista.
A entidade tamén cuestiona a posición do BNG ante os proxectos de biogás e biometano. Como exemplo, contrapón o apoio ás reivindicacións de Stop Biogás A Laracha, nun concello gobernado polo PP, coa falta de contacto que asegura existir coa plataforma Stop Biometano Xallas-Barcala, vinculada ao proxecto previsto en Mazaricos.
Salvemos A Ruña reclama «coherencia, diálogo e un tratamento igualitario» para as mobilizacións cidadás e asegura que continuará defendendo a protección do territorio e a participación veciñal nas decisións sobre proxectos de impacto ambiental.
As críticas corresponden á valoración da propia plataforma, que pide ao BNG explicacións sobre a súa actuación en materia enerxética e ambiental.
