
Muxía. A Romaría da Virxe da Barca de Muxía afronta este ano unha situación que xa está a xerar malestar entre veciños e visitantes. A atracción de feira coñecida como O Saltamontes non acudirá finalmente ás festas, despois de varios días de negociacións sen que a empresa responsable da instalación dos terreos chegase a un acordo coa atracción.
A marcha do Saltamontes supón a ausencia, por segundo ano consecutivo, dunha das atraccións máis emblemáticas da Romaría da Barca. Xunto a ela, tamén se bota en falta o Canguro, polo que este ano os asistentes non poderán desfrutar de dúas atraccións que formaron parte da festa durante décadas.
No caso do Saltamontes, trátase dunha despedida especialmente significativa, xa que levaba 38 anos consecutivos acudindo á Romaría da Virxe da Barca de Muxía.
A situación engádese a outras cuestións que están a provocar polémica arredor das festas deste ano. Entre elas, os cambios ou dificultades relacionados coas actuacións do coro, a pulpería e os chiringuitos, asuntos que están a alimentar o debate entre os veciños sobre o rumbo que está tomando unha das celebracións máis importantes da Costa da Morte.
Nas redes sociais xa se poden ler numerosas críticas e mensaxes de decepción ante o que algúns consideran unha perda progresiva da esencia tradicional da Romaría da Barca.
“Que deixarán no sitio? Acabaredes coa romaría… e todo por cartos”, é unha das reaccións que resume o sentimento de parte dos asistentes e veciños ante a situación.
A Romaría da Virxe da Barca é unha celebración profundamente arraigada na identidade de Muxía. Por iso, a ausencia de elementos que durante décadas formaron parte da paisaxe festiva da vila está a provocar preocupación entre aqueles que temen que a festa vaia perdendo pouco a pouco parte da súa identidade e tradición.
O debate está aberto: que futuro se quere para a Romaría da Barca e ata onde se está disposto a chegar para manter viva a súa esencia?

