A Romaría de Santa Minia xa é oficialmente Festa de Interese Turístico de Galicia

A Romaría de Santa Minia é xa oficialmente Festa de Interese Turístico de Galicia. A decisión era firme desde o pasado 25 de maio, cando o Consello da Xunta de Galicia acordou conceder este recoñecemento á celebración. Hoxe, 26 de agosto, o Diario Oficial de Galicia publica oficialmente a resolución.

Trátase dun importante recoñecemento para unha das celebracións máis arraigadas e multitudinarias de Galicia, que cada setembro reúne milleiros de persoas arredor da Carballeira de Santa Minia, en Brión.

A distinción pon en valor a súa historia e tradición, a devoción por Santa Minia, transmitida de xeración en xeración, así como a singularidade da Carballeira e da súa contorna.

Tamén recoñece a capacidade da Romaría para atraer cada ano persoas chegadas de diferentes puntos de Galicia, consolidándose como unha celebración de referencia e como parte fundamental da identidade cultural e social do Concello de Brión.

Este novo distintivo supón un impulso á proxección da Romaría de Santa Minia e ao seu valor como patrimonio festivo e cultural de Galicia.

Santa Minia, máis que unha romaría: unha tradición que segue medrando e pasando de xeración en xeración.