A VECIÑANZA DA POBRA DO CARAMIÑAL, FARTA DA ONDA DE ROUBOS: RECLÁMASE MÁIS PRESENZA POLICIAL NAS RÚAS

A preocupación pola inseguridade e pola sucesión de roubos na Pobra do Caramiñal segue a medrar entre a veciñanza, que reclama medidas para garantir a tranquilidade e a seguridade no municipio.

O pasado mes de setembro levamos ao pleno municipal unha preocupación que nos trasladan diariamente veciños e veciñas: a situación que se está a vivir no concello ante os roubos e a falta de sensación de seguridade.

Dende o noso grupo solicitamos que se tomase conciencia da problemática e que se adoptasen medidas concretas, entre elas *unha maior presenza policial nas rúas*, co obxectivo de previr e disuadir posibles delitos, reforzar a vixilancia e ofrecer unha maior protección á cidadanía.

Porén, *os catro partidos que conforman o goberno municipal votaron en contra da nosa proposta*.

Unha decisión que lamentamos, xa que consideramos fundamental escoitar as preocupacións da veciñanza e actuar ante unha situación que está a xerar inquietude entre a poboación.

A seguridade cidadá non pode quedar nun segundo plano. Os veciños e veciñas da Pobra do Caramiñal merecen poder vivir tranquilos, camiñar polas súas rúas con confianza e sentir que as súas preocupacións son atendidas.

*Seguiremos reclamando medidas, máis vixilancia e unha resposta ante unha problemática que a veciñanza leva tempo denunciando. A Pobra merece seguridade e solucións.*