
Os fondos procedentes do 0,7 % do IRPF permiten financiar 11 programas de atención directa e 29 proxectos de investimento e mellora de centros en toda Galicia
A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e máis de 30 das súas entidades membro desenvolven un total de 40 proxectos financiados cos fondos procedentes da asignación tributaria do 0,7 % do IRPF, a través do recadro 106 da declaración da renda, destinado a programas de interese xeral para fins de carácter social.
Os fondos, distribuídos pola Xunta de Galicia, permiten reforzar tanto a atención directa ás persoas con discapacidade e ás súas familias como a mellora das infraestruturas, equipamentos e recursos das entidades sociais.
En concreto, dos 40 proxectos financiados, 11 corresponden a programas de atención directa —incluídos nas Liñas I, II, III e VI— e os 29 restantes forman parte da Liña IV, destinada a investimentos e obras en centros e instalacións de toda Galicia.
Máis de 4.300 persoas beneficiarias
O conxunto das actuacións chega a 4.339 persoas en Galicia. Os programas de atención directa benefician a 1.842 persoas, mentres que os proxectos de investimento e obra teñen un impacto estimado en 2.497 persoas usuarias dos centros e servizos das entidades.
As actuacións de atención directa abranguen ámbitos moi diversos, desde a inclusión sociolaboral e a atención temperá ata a rehabilitación, o apoio psicolóxico e social, a promoción da autonomía persoal, o transporte adaptado ou o lecer e deporte inclusivo.
Entre os programas desenvolvidos atópanse o apoio e intervención con familias e contornas afectivas de persoas con discapacidade en situación de especial vulnerabilidade, nos centros de atención diúrna de COGAMI en Medelo (Silleda) e Lugo, con 40 participantes.
Tamén se desenvolven itinerarios de inclusión sociolaboral e acompañamento na transición ao emprego, impulsados por ACADAR e COGAMI nos concellos de Santiago, Ourense, O Carballiño, Silleda e Lugo, que chegan a 121 persoas.
A atención físico-rehabilitadora, psicolóxica, social e cognitiva para persoas con enfermidades crónicas e dexenerativas, desenvolvida por entidades como GRUMICO, AFFOU, Párkinson Galicia-Coruña, Fibrose Quística e COGAMI, beneficia 129 persoas.
Pola súa banda, os programas de atención temperá desenvolvidos por VONTADE, MISELA e COGAMI en Tomiño, Noia e Muros atenden 30 nenas e nenos con discapacidade ou risco de padecela, así como ás súas familias.
A atención social e a intervención especializada por diferentes patoloxías —entre elas esclerose múltiple, linfedema e trastornos musculoesqueléticos— chega a 158 persoas a través do traballo de ALUCEM, ACEM Coruña, AGL, ASOTRAME, ACEM Santiago e COGAMI.
Outro dos programas, centrado na atención e asesoramento especializado a persoas con enfermidade renal, doenza inflamatoria intestinal e outras patoloxías crónicas, suma 360 persoas beneficiarias en Ourense, Pontevedra, A Coruña e Mos.
Ademais, os programas de atención integral e multidisciplinar de proximidade de AMIZADE, AVEMPO e COGAMI chegan a 248 persoas; o servizo de transporte adaptado para facilitar o acceso a terapias, servizos e actividades dos centros de atención diúrna de COGAMI beneficia 98 persoas; e as actuacións de promoción da autonomía persoal e prevención do deterioro funcional, desenvolvidas por ASEM Galicia, ASEARPO, ConArtritis e COGAMI, alcanzan 338 participantes.
A oferta complétase con actividades de lecer, cultura e deporte inclusivo, nas que participan 200 persoas a través de COGAMI, ASEM Galicia e ÁMBAR, e cun programa de empoderamento e apoio a mulleres e persoas LGTBI con discapacidade fronte á discriminación múltiple, desenvolvido por ACADAR e COGAMI en Santiago, Ourense, Xinzo de Limia, A Estrada e Vigo, con 120 participantes.
Investimento para mellorar os centros
A Liña IV permite acometer 29 proxectos de investimento e obra que repercuten en preto de 2.500 persoas. As actuacións inclúen melloras de eficiencia enerxética, instalación de sistemas de aerotermia e placas fotovoltaicas, renovación de equipamento informático, adquisición de vehículos de transporte adaptado, reformas e adecuación de sedes e melloras de aulas e talleres.
Entre as intervencións destacan as realizadas nos centros de atención diúrna de COGAMI en Fingoi (Lugo), Ferrol, Mos e Medelo (Silleda), con actuacións destinadas á mellora da eficiencia enerxética, renovación de equipamentos e adquisición de mobiliario para os talleres.
Tamén se financian actuacións en numerosas entidades membro. ACADAR renovará e mellorará os seus recursos dixitais para a atención; ACEM-Santiago realizará obras de reparación e reforma da súa sede; ADAPTA adquirirá un vehículo adaptado para o seu centro de Ponteareas; e ADISBISMUR incorporará equipamento para as aulas e talleres do centro de Valadares.
AGORA acometerá melloras no centro de día e nas vivendas tuteladas de Monforte, ademais de renovar equipamentos e talleres e adquirir un vehículo de transporte adaptado. AMARAI mellorará os medios informáticos do persoal técnico e ÁMBAR realizará obras de adecuación e mellora do seu centro de formación.
Outras actuacións inclúen a adecuación dun novo local de AODEMPER para ampliar as terapias e servizos destinados a persoas con esclerose múltiple, párkinson e enfermidades raras; o illamento térmico exterior do edificio de ASPAMITE; a incorporación de material para terapia ocupacional en AVEMPO; a ampliación das instalacións de ÍNTEGRO en Nantón; a adquisición de equipamento para rehabilitación en Párkinson Ferrol e a incorporación de recursos e apoios técnicos para a atención centrada na persoa en Párkinson Galicia-Coruña.
No caso de A Mariña-COGAMI, o investimento permitirá substituír a caldeira de gasóleo por un sistema de aerotermia e instalar placas fotovoltaicas de autoconsumo no centro de Palmeiro. VONTADE tamén realizará actuacións para mellorar a eficiencia enerxética do seu centro.
Unha rede que multiplica o impacto
O conxunto destes proxectos pon de manifesto a importancia do financiamento procedente da X Solidaria para garantir a continuidade e mellora dos servizos destinados ás persoas con discapacidade en Galicia.
A través destes fondos, as entidades poden non só manter e reforzar programas especializados de atención directa, senón tamén adaptar os seus centros ás necesidades das persoas usuarias, mellorar a accesibilidade e eficiencia das instalacións e incorporar novos equipamentos e recursos técnicos.
Deste xeito, o traballo coordinado entre COGAMI e as súas entidades membro permite multiplicar o impacto social dos fondos do 0,7 % do IRPF, chegando a máis de 4.300 persoas e contribuíndo a garantir unha atención cada vez máis próxima, especializada e centrada nas necesidades de cada persoa.
Entidades beneficiarias
Os fondos chegan a entidades de todo o territorio galego. Entre as beneficiarias de ámbito autonómico figuran a Asociación Galega de Fibrose Quística (AGFQ), a Asociación Galega de Linfedema, Lipedema e Insuficiencia Venosa Crónica e outras patoloxías vasculares periféricas (AGL), ASOTRAME, ACADAR e ASEM Galicia.
Na provincia da Coruña participan Párkinson Galicia-Coruña, ACEM Coruña, ACEM Santiago, ALCER Coruña, ÁMBAR, ADISBISMUR, AMARAI, ASPAMITE, ÍNTEGRO, Párkinson Ferrol, GRUMICO, MISELA e ConArtritis Santiago.
En Lugo, as entidades beneficiarias son AGORA, A Mariña-COGAMI e ALUCEM; en Ourense, ALCER Ourense, ACCU Ourense, AODEMPER e AFFOU; e en Pontevedra, ALCER Pontevedra, ADAPTA, AVEMPO, VONTADE, AMIZADE e ASEARPO.
Marcar o recadro 106 da declaración da renda é, así, unha maneira de contribuír a que os fondos da X Solidaria se transformen en atención, oportunidades, autonomía e mellores recursos para miles de persoas con discapacidade en Galicia.