A Xunta abre a décimo quinta edición de Tecnólog@ por un día para achegar as profesións dixitais á mocidade galega

O programa ofrece 63 prazas para que estudantes de entre 12 e 17 anos coñezan de primeira man o traballo de profesionais do sector tecnolóxico.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 3 de novembro e a participación deberá tramitarse a través dos centros educativos.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2026. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pon en marcha a décimo quinta edición do programa Tecnólog@ por un día, unha iniciativa que busca achegar as profesións dixitais ao alumnado galego e fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas desde idades temperás.

O programa está dirixido a estudantes de entre 12 e 17 anos de educación secundaria e bacharelato, que terán a oportunidade de vivir unha xornada inmersiva acompañando a profesionais da Amtega ou de empresas tecnolóxicas colaboradoras. Durante as visitas, poderán coñecer o funcionamento das organizacións, descubrir proxectos reais e familiarizarse coas ferramentas, competencias e coñecementos necesarios para desenvolver unha carreira no ámbito dixital.

Nesta edición ofértanse un total de 63 prazas, distribuídas entre o Centro GaiásTech e as instalacións das empresas participantes: Altia, Bahía Software, DXC Technology, NTT DATA e Quobis. As opcións dispoñibles permitirán ao alumnado achegarse a diferentes contornas profesionais e coñecer a diversidade de perfís e oportunidades laborais vinculadas á transformación dixital.

A iniciativa pretende, ademais, ofrecer á mocidade un espazo de contacto directo con profesionais do sector, no que resolver dúbidas, coñecer as súas experiencias e identificar posibles itinerarios formativos e laborais relacionados coa ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría, as artes e as matemáticas (STEAM).

Inscrición a través dos centros educativos

A participación no programa deberá xestionarse a través dos centros educativos. O profesorado será o encargado de tramitar as solicitudes do alumnado interesado, que poderán presentarse ata o vindeiro 3 de novembro.

Para completar a inscrición, será necesario achegar a autorización de participación asinada polos pais, nais ou titores legais do estudante. Toda a información, xunto co formulario e a documentación requirida, está dispoñible no espazo dedicado ao programa na web DigiTalent.

As persoas interesadas poden consultar os requisitos, as instrucións de participación e a relación de prazas ofertadas na seguinte ligazón: Solicitude de inscrición de Tecnólog@ por un día – 15.ª edición.

Unha iniciativa para impulsar o talento dixital en Galicia

Tecnólog@ por un día forma parte do Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, a estratexia da Xunta orientada a impulsar a inclusión, a capacitación e o talento dixital en Galicia. En concreto, intégrase no terceiro eixe estratéxico do plan, centrado na promoción das vocacións tecnolóxicas desde idades temperás e no desenvolvemento de talento dixital avanzado.

Con esta nova edición, a Xunta busca espertar o interese das novas xeracións polas profesións tecnolóxicas, dar a coñecer as oportunidades dun sector en constante evolución e contribuír á preparación dos futuros profesionais dixitais galegos.