


A conselleira de Política Social e Igualdade, Ángeles Vázquez, destacou a nova sede da Fundación Secretariado Xitano como exemplo do crecemento e consolidación do proxecto de inclusión social que a entidade desenvolve desde hai anos en Galicia. A visita contou coa presenza do director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado.
Durante o encontro, Vázquez puxo en valor a traxectoria da fundación, considerada unha entidade de referencia no traballo pola inclusión da comunidade xitana, así como o seu compromiso coa integración social e laboral deste colectivo.
A conselleira subliñou que o labor desenvolvido pola organización permitiu que numerosas familias mellorasen as súas condicións de vida, grazas aos programas de acompañamento, apoio e intervención social que promove.
Neste sentido, incidiu na importancia de impulsar iniciativas que permitan ás persoas en situación de maior vulnerabilidade dispoñer das ferramentas necesarias para construír o seu propio proxecto de vida. Para avanzar neste obxectivo, considerou fundamental a colaboración entre as administracións públicas e o tecido asociativo.
Vázquez asegurou que esta cooperación resulta clave para garantir o acceso efectivo da comunidade xitana a ámbitos fundamentais como a educación, o emprego, a vivenda e a sanidade, favorecendo así a igualdade de oportunidades e a plena inclusión social.
A responsable autonómica tamén salientou os avances acadados pola fundación na promoción da igualdade, especialmente entre as mulleres xitanas. Como exemplo deste recoñecemento ao seu traballo, lembrou a concesión da medalla Emilia Pardo Bazán en 2023, polo seu labor a prol da igualdade entre as mulleres deste colectivo.
A nova sede representa, deste xeito, un paso máis no fortalecemento da entidade e na continuidade dun proxecto orientado a combater a exclusión, promover a autonomía das persoas e avanzar cara a unha sociedade máis xusta e inclusiva.
