
Foto archivo Cabañas Que Chova
Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2026. A Xunta de Galicia deu luz verde ambiental, con condicións, ao proxecto para construír un campamento de turismo no lugar de Piñeiro, na parroquia de Buño, no concello de Malpica de Bergantiños. A resolución, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), conclúe que a iniciativa non terá efectos adversos significativos sobre o medio sempre que se cumpran as medidas correctoras e os condicionantes establecidos no informe de impacto ambiental.
O proxecto foi sometido ao procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada, no que a documentación presentada pola empresa promotora foi exposta a información pública e remitida para consulta a sete organismos con competencias na materia. As achegas realizadas por estas entidades incorporáronse á resolución final xunto co programa de vixilancia ambiental previsto para a actuación.
Segundo o informe emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a instalación resulta ambientalmente viable sempre que se respecten as condicións relativas á protección da atmosfera, das augas e dos cursos fluviais, do solo, do patrimonio natural e cultural, da integración paisaxística e da correcta xestión dos residuos.
A resolución lembra, ademais, que este informe favorable non exime á empresa promotora da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas e permisos sectoriais necesarios antes de iniciar a execución do proxecto. O documento foi remitido á Axencia Turismo de Galicia, órgano substantivo da tramitación.
Un complexo de preto de 15.000 metros cadrados
A iniciativa, promovida por Complexo Turístico Nordés, S.L., contempla a creación dun aloxamento turístico rural tipo cámping nunha parcela de 14.766 metros cadrados, cunha capacidade máxima estimada de entre 96 e 118 persoas.
O complexo contará con 20 cabanas de madeira, das que 15 serán dun dormitorio e cinco de dous dormitorios, ademais dunha zona de acampada, unha área para caravanas e autocaravanas, aparcadoiro e diversos servizos destinados aos usuarios, entre eles supermercado, lavandería de autoservizo e baños comunitarios.
As instalacións completaranse con diferentes espazos de lecer, como unha piscina e un parque infantil, configurando unha oferta orientada ao turismo rural e de natureza no municipio de Malpica de Bergantiños.