
O 27 de marzo de 1908, a Gaceta de Madrid publicaba a Lei de Ferrocarrís Secundarios. A nova lei, sen dúbida, podería pasar desapercibida para os muradáns, pero non foi así. O apéndice da lei facía referencia aos novos trazados que se ían construír e, entre eles, figuraba unha liña que, saíndo da cidade da Coruña, pasaría por Carballo e chegaría a Corcubión, cun percorrido de 105 quilómetros.
Máis dun ano despois, a Gaceta do 31 de decembro de 1909 publicaba a Real Orde pola que se resolvía abrir concurso de proxectos para o ferrocarril estratéxico da Coruña a Corcubión por Carballo. A Real Orde precisaba con claridade as características do novo trazado: que se proxectaría con vía única dun metro de ancho; que as pendentes non deberían exceder as vinte milésimas e que o radio das curvas non sería inferior aos 120 metros; que o ferrocarril debería dotarse de material apropiado para o transporte de pezas de artillaría de 4.500 quilogramos de peso máximo e de catro metros e vinte centímetros de lonxitude máxima, entre outras especificacións. A citada Real Orde concedía de prazo ata o 31 de agosto de 1910 para a presentación dos proxectos.
Ao comprobar que o que lles parecera aos muradáns unha promesa máis, das moitas ás que estaban afeitos, comezaba a tomar visos de realidade, as forzas vivas da localidade mobilizáronse para solicitar do Goberno da nación que a chegada do tren á vila de Corcubión non rematase alí, senón que a liña se prolongase ata Muros e, desde esta vila, continuase cara a Noia, Padrón e Santiago.
Co fin de dar maior forza á petición, o Concello de Muros, presidido por don Joaquín Iglesias Calderón, convocou unha gran xuntanza na vila, á que acudiron máis de mil persoas. Nela estiveron presentes os membros da corporación municipal de Muros, xunto con representantes doutros concellos do seu partido xudicial, así como dos partidos de Corcubión e Noia.
Naquela reunión reivindicativa acordouse por aclamación:
- Solicitar que a nova liña ata Corcubión se prolongase ata Muros e que fose incluída como liña de vía ancha no Plan de Ferrocarrís do Estado.
- Considerar máis conveniente que tamén se transformase en vía ancha a liña de vía estreita xa concedida para construír o ferrocarril da Coruña a Corcubión.
- Solicitar dos poderes públicos, dos representantes en Cortes e na provincia, das persoas amigas de recoñecido prestixio, calquera que fose a súa filiación política, e da prensa, o apoio máis decidido aos anteriores acordos.
Así mesmo, acordouse pedir aos deputados polos partidos xudiciais de Corcubión, Muros e Noia que prestasen todo o seu apoio para conseguir a construción da ponte sobre o río Xallas, na estrada de Corcubión a Muros, considerada unha mellora urxentísima para unir ambos os partidos xudiciais e fomentar deste xeito os seus intereses económicos e sociais.
A petición foi presentada, pero todo quedou aí. Pasaron os anos e nin o tren chegou a Corcubión, nin, moito menos, a Muros. Como tantas outras veces ao longo da súa historia, Muros perdeu —e nunca mellor dito— o tren do progreso.
Manuel Lago Álvarez (Manolo de Ámerica)