
O Concello de Carballo deu hoxe un paso máis para reforzar o mercado da vivenda no casco urbano. A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente para o remate das obras nun edificio situado na rúa Enrique Labarta Pose, que quedara parado por mor da crise inmobiliaria.
O proxecto inclúe a finalización dun bloque que contará con 19 vivendas, 20 prazas de garaxe e 21 rochos. Cun orzamento de execución material de 1.448.241,01 €, a actuación permitirá culminar unha obra relevante para a configuración urbanística da zona e ofrecer novas opcións residenciais no corazón de Carballo.
Os últimos datos do rexistro de entrada do Concello de Carballo confirman unha tendencia ascendente e sostida na actividade urbanística do municipio. Tras o peche do exercicio 2025 e os primeiros datos do primeiro trimestre de 2026, Carballo amosa un dinamismo que non se vía desde os anos previos á crise de 2008.
A evolución das licenzas de edificación reflicte un cambio de ciclo importante. Tras varios anos (período 2016-2023) nos que a construción de edificios de vivendas foi practicamente nula ou anecdótica, os anos 2024 e 2025 marcaron un punto de inflexión con 76 e 48 novas vivendas en bloques de edificios, respectivamente.
- Pico histórico: o máximo rexistrouse en 2006, con solicitudes para un total de 1.138 vivendas. Unha porcentaxe ampla non chegou a construírse debido á crise inmobiliaria que estoupou no 2008.
- Actualidade: o ano 2025 pechouse con 80 vivendas totais, a segunda cifra máis alta desde 2008 tras as 97 do 2024.
- Previsión 2026: no primeiro trimestre deste ano xa se tramitaron licenzas para 14 novas vivendas (9 en edificios e 5 unifamiliares).