Medio Rural inviste preto de 75.000 euros na creación dun pasteiro no concello de Muros

Muros (A Coruña), 5 de maio de 2026

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, José Balseiros, visitou hoxe o concello coruñés de Muros, onde puido comprobar os traballos realizados no pasteiro de Santa Mariña de Esteiro, que contaron cun investimento de preto de 75.000 euros.

Este pasteiro abrangue unha superficie de 10,80 hectáreas, divididas en dúas zonas, nas que se realizaron traballos de roza, pase de grada pesada, abonado e sementado, entre outros labores. A maiores, colocáronse peches perimetrais.

José Balseiros destacou que este tipo de actuacións son fundamentais para o desenvolvemento rural e redundan de xeito moi positivo na conservación da biodiversidade e nos ecosistemas agroforestais, contribuíndo, ademais, á prevención de incendios forestais. Sinalou que impulsan tamén de forma significativa a actividade socioeconómica, xa que ofrecen espazos favorables para a gandaría en extensivo.  

Plan de pastos de Galicia

A creación deste pasteiro en Muros enmárcase dentro do Plan de Pastos de Galicia, que dende o ano 2020 permitiu a mobilización de preto de 2.500 hectáreas en 106 pasteiros, cun investimento de case 15 millóns de euros.