A Xunta destaca o papel da docencia como motor de cambio para avanzar na igualdade

Eloína Ingerto avoga pola colaboración entre as administracións e as institucións educativas para derrubar as barreiras de xénero

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2026.– A directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, destacou este xoves o papel da docencia e da investigación como ferramentas fundamentais para avanzar na construción dunha sociedade máis comprometida coa igualdade.

Ingerto realizou estas declaracións durante a XVII edición dos premios á introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación, un acto no que puxo en valor o traballo desenvolvido pola comunidade educativa para incorporar a igualdade de oportunidades ás aulas e aos procesos de xeración de coñecemento.

Durante a súa intervención, a directora xeral defendeu a necesidade de reforzar a colaboración entre as administracións públicas e as institucións educativas para continuar avanzando na eliminación das barreiras de xénero. Neste sentido, cualificou este obxectivo como “un reto compartido” e incidiu na importancia de garantir que “ninguén vexa limitadas as súas oportunidades”.

Ingerto salientou tamén o papel dos premios como instrumento para recoñecer e visibilizar boas prácticas no ámbito educativo e investigador. Segundo explicou, estas iniciativas contribúen a “cambiar a mirada sobre como se constrúe o coñecemento” e sobre a maneira en que “se comprende a realidade”.

A directora xeral subliñou, ademais, a importancia de incorporar a perspectiva de xénero á investigación desde o seu inicio. Para iso, considerou fundamental “preguntarse a quen respondemos ou que realidades quedan excluídas”, co obxectivo de cuestionar ideas preestablecidas e garantir unha visión máis ampla da realidade.

Neste contexto, defendeu a necesidade de dar maior visibilidade ao talento feminino e aos referentes de mulleres en todos os ámbitos do coñecemento, como unha vía para contribuír a eliminar estereotipos e favorecer que as novas xeracións dispoñan de modelos diversos cos que identificarse.

A Xunta reafirma así o valor da educación e da investigación como piares para promover a igualdade e impulsar cambios sociais que permitan avanzar cara a unha sociedade na que o xénero non condicione as oportunidades das persoas.