A Xunta e o sector acordan o novo plan do polbo tras unha campaña que acada un balance positivo de case 1.327 toneladas e 14,75 M€

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar, e o sector pesqueiro veñen de acordar os termos do plan experimental para a xestión do polbo correspondente á campaña 2026-2027. O obxectivo deste documento é dar continuidade ás medidas técnicas consensuadas nos últimos anos, as cales están a permitir a recuperación da especie tras as baixadas produtivas, axustando a pesca ao seu ciclo biolóxico.

Segundo o establecido neste novo plan, a actual campaña de pesca finalizará ás 23.59 horas do vindeiro 1 de maio, momento exacto no que se iniciará o período de veda biolóxica para o cefalópodo. Esta parada obrigatoria da actividade prolongarase durante os meses de maio e xuño, rematando ás 05.00 horas do 1 de xullo.

Durante este período de dous meses queda expresamente prohibida a captura, tenza a bordo, transbordo, desembarco, almacenamento, venda ou comercialización do polbo por medio de calquera arte. Ademais, as embarcacións que se dedican á súa captura coa arte da nasa deberán retirar estes aparellos do seu calamento e levalos a porto.

A piques de iniciarse esta veda, o balance da actual campaña (2025-2026) reflicte uns resultados excelentes que confirman o acerto dos esforzos do sector e da Administración. Ata a data, extraéronse nos portos galegos case 1.327 toneladas de cefalópodo, o que xerou un valor de facturación en lonxa de 14,75 millóns de euros.

Estas cifras supoñen unha mellora substancial respecto ao balance acadado na campaña anterior (2024-2025), na que se rexistraron descargas de 1.116 toneladas por un valor de 11,4 millóns de euros, amosando unha notable rendibilidade da actividade pesqueira.

Neste novo escenario, a Consellería do Mar e o sector decidiron introducir melloras cualitativas na xestión. Como gran novidade nesta campaña, o plan limita por primeira vez a pesca accesoria, unha medida de gran calado que supón un avance cualitativo na protección do recurso e asegura que a actividade se centre estritamente nos obxectivos de sustentabilidade marcados.

Condicións da nova campaña 2026-2027

Unha vez que remate a veda biolóxica, a nova campaña arrincará o 1 de xullo mantendo as regras fundamentais para protexer o recurso. O peso mínimo de captura continuará fixado en 1 quilo por peza (xa sexa enteiro ou eviscerado a bordo).

En canto aos topes máximos de captura, o plan divide a campaña en dous períodos para evitar a saturación dos mercados. Desde o 1 de xullo ata o 31 de agosto, a cota será de 35 kg por barco e día, aos que se engadirán 35 kg adicionais por cada tripulante enrolado e a bordo, establecendo un límite máximo de 240 kg diarios. No que reste de campaña (a partir do 1 de setembro), a cota subirá a 55 kg por embarcación e día, con 55 kg máis por tripulante, quedando o tope máximo en 380 kg diarios.

Respecto aos horarios de traballo, a actividade extractiva iniciarase ás 06.00 horas e finalizará ás 16.00 horas. Non obstante, permitirase que as embarcacións saian do porto a partir das 05.00 horas da madrugada.