Cee inaugura na Casa da Cultura a exposición “Ritmos e Natureza” de Lola Saavedra

O Concello de Cee inaugurou hoxe na Casa de Cultura a exposición “Ritmos e Natureza”, da artista Lola Saavedra, nun acto institucional presidido pola alcaldesa, Margot Lamela. A cita contou tamén coa presenza da propia creadora e de Julia Ures, representante de Ponteceso Cultura Permanente.

A mostra propón unha viaxe sensorial a través da cor e da expresión artística, convidando ao público a redescubrir a natureza desde unha mirada creativa e emocional. As obras de Saavedra destacan pola súa capacidade para transmitir movemento, vida e conexión co medio natural, convertendo a exposición nunha experiencia visual e evocadora.

Durante a inauguración, púxose en valor a importancia de iniciativas culturais como esta para dinamizar a vida social e artística do municipio, achegando propostas de calidade á veciñanza e visitantes.

Dende o Concello de Cee quixeron expresar o seu agradecemento tanto a Lola Saavedra como a Julia Ures pola súa colaboración e implicación na posta en marcha desta exposición, que permanecerá aberta ao público na Casa de Cultura durante as vindeiras semanas.