
O Goberno galego investiu preto de 620.000 euros nesta convocatoria, da que se beneficiaron 320 persoas, máis do 70 % delas homes.
**Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2026.**– O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das axudas destinadas a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar e impulsar a corresponsabilidade nos coidados. Nesta convocatoria resultaron beneficiadas un total de 320 persoas, das cales máis do 70 % son homes.
O Goberno galego destinou preto de 620.000 euros a esta liña de achegas, coa que busca promover que cada vez máis homes adapten os seus horarios laborais para asumir o coidado dos seus fillos e fillas e avanzar así cara a un reparto máis equilibrado das responsabilidades familiares.
As contías das axudas sitúanse entre os 1.700 e os 3.700 euros, en función da porcentaxe de redución da xornada laboral e do número de menores ao cargo.
A resolución mantén a tendencia das convocatorias anteriores, cunha maior presenza masculina entre as persoas beneficiarias. En concreto, concedéronse 226 axudas a homes, fronte ás 94 correspondentes a mulleres.
Estas últimas pertencen a familias monomarentais ou a unidades familiares integradas por dúas persoas do mesmo sexo.
Con esta iniciativa, a Xunta continúa a impulsar medidas de apoio ás familias que faciliten a conciliación e fomenten unha distribución máis igualitaria dos tempos de traballo e dos coidados.
