
A Xunta licita as obras de dúas novas sendas na estrada autonómica AC-433, que suporán un investimento total de 1,1M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, presentou hoxe a actuación, que será cofinanciada con fondos FEDER.
En concreto, construiranse dos tramos de sendas peonís que suman case 2 quilómetros e que, como destacou a conselleira, conectarán con outros itinerarios xa executados nesta estrada en Soesto e Serantes, conformando un itinerario continuo e seguro entre Laxe, Serantes e Castrelo para os desprazamentos a pé da veciñanza.
O primeiro dos tramos parte do núcleo de Castrelo e conectará coa senda xa executada en Serantes e o segundo enlaza este núcleo co de Laxe.
Allegue destacou o compromiso da Xunta coa mobilidade sostible e segura, “atendendo ás necesidades reais e construíndo unha Galicia mellor para todos e todas, a nosa Galicia Calidade da que estamos orgullosos”.
Neste senso, a comunidade conta xa cunha rede de sendas peonís e ciclistas de máis de 300 km, que contribúen a mellorar a accesibilidade e a seguridade das estradas, ademais de dinamizar o territorio.
As empresas terán de prazo ata o 25 de maio para presentar as súas ofertas e o prazo de execución das obras será de 12 meses.
Actuación
Estes novos itinerarios desenvolveranse pola marxe dereita da estrada autonómica AC-433. Así, executarase un primeiro tramo de senda situado preto de Castrelo, no punto quilométrico 10+493, que finalizará no inicio da senda existente en Serantes, no punto 11+075.
O segundo tramo permitirá a conexión entre Serantes e Finllido, discorrendo entre os puntos 11+731 e 12+427. Neste treito prevense dúas zonas de aparcamentos.
