
O municipio de Laxe continúa consolidándose como un destino de referencia grazas ao seu compromiso coa excelencia turística. O Concello participou recentemente no acto de entrega dos distintivos do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino, celebrado na Costa da Morte, onde se puxo en valor o traballo conxunto entre administracións e empresas do sector.
No evento estiveron presentes o alcalde, Paco Charlín, e a concelleira de Cultura e Turismo, Raquel, en representación do Concello.
Durante o acto, Laxe recibiu importantes recoñecementos no ámbito público. Foron distinguidos o Museo do Mar de Laxe e a Oficina de Información Turística de Laxe, dous servizos municipais que destacan pola súa aposta pola mellora continua e pola calidade na atención ás persoas visitantes.
No sector privado, tamén foi recoñecido o Hotel Playa de Laxe, exemplo do bo facer do tecido empresarial local e da súa implicación na oferta turística de calidade.
Estes distintivos reflicten o esforzo conxunto por ofrecer unha experiencia turística excelente, reforzando a imaxe de Laxe como un destino atractivo, coidado e competitivo dentro do panorama galego.

