A Xunta licita por case 12.5 millóns de euros a construción de 79 vivendas públicas en Carballo

O proxecto, que se executará nunha parcela cedida gratuitamente polo Concello, ten como obxectivo que os pisos estean rematados en 2028.

A Xunta de Galicia sacou a licitación as obras de construción de 79 vivendas públicas na rúa Médico José Manuel Lado, en Carballo, cun investimento próximo aos 12,5 millóns de euros. A previsión é que os traballos estean rematados en 2028.

A actuación desenvolverase nunha parcela cedida gratuitamente polo Concello de Carballo, unha achega municipal que permitirá impulsar a creación de nova vivenda pública no municipio.

O alcalde, Daniel Pérez, participou hoxe na presentación do proxecto, no que destacou a importancia da colaboración entre administracións para ampliar a oferta residencial e facilitar o acceso á vivenda ás familias carballesas.

A construción destes 79 pisos supón un novo avance na dotación de vivenda pública en Carballo, nun contexto no que o acceso a un fogar se converteu nunha das principais preocupacións sociais.