A Xustiza dá a razón ao Concello de Monfero e anula unha sanción de 20.001 euros da Xunta

O Tribunal considera que o expediente sancionador caducara e condena en costas á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

O Tribunal de Instancia da Coruña, Sección do Contencioso-Administrativo, Plaza nº 4, estimou o recurso presentado polo Concello de Monfero contra a sanción de 20.001 euros imposta pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia.

A resolución xudicial declara nula a sanción, relacionada cunha suposta infracción da normativa sobre residuos e solos contaminados de Galicia polo mantemento do Punto Limpo Municipal.

A sentenza acolle integramente a tese defendida polo Concello e determina que o procedemento sancionador caducara, ao atribuír á Administración autonómica a demora na súa tramitación. Ademais, a resolución condena en costas á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

O Concello de Monfero xa fixera efectivo o pagamento da sanción, por importe de 20.001 euros, en novembro de 2024. Unha vez que a resolución xudicial adquira firmeza, o Concello terá dereito a reclamar á Xunta a devolución da cantidade aboada.

A decisión xudicial supón, polo tanto, a anulación da sanción económica imposta ao Concello e recoñece a procedencia dos argumentos formulados pola súa defensa respecto da caducidade do expediente.