A XXXIV Festa do Percebe do Roncudo reafírmase como unha das grandes citas gastronómicas de Galicia

Ponteceso volveu vivir unha xornada de éxito coa celebración da XXXIV Festa do Percebe do Roncudo, unha das festas gastronómicas máis destacadas de Galicia, que reuniu centos de persoas para render homenaxe a un dos produtos máis emblemáticos da Costa da Morte: o percebe do Roncudo.

A elevada participación e a excelente organización marcaron unha edición na que o auténtico protagonista foi, unha vez máis, o percebe do Roncudo, recoñecido pola súa extraordinaria calidade e capaz de conquistar tanto aos visitantes como aos afeccionados á gastronomía mariñeira.

Durante a celebración estiveron presentes distintas autoridades, entre elas o director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo; e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, aos que o Concello de Ponteceso agradeceu a súa presenza e apoio ao evento. Tamén estiveron presentes a alcaldesa de Vimianzo Mónica Rodríguez,a deputada socialista Patricia Iglesias Rey , o Ex alcalde de Ponteceso Xosé Lois García Carballido e o Portavoz do Psoe de Coristanco José Manuel Pérez Abelenda.

Un dos momentos máis emotivos da xornada foi o pregón pronunciado por Rosa Rodríguez, presidenta da Asociación de Redeiras Artesás Illa da Estrela de Corme. Desde o Concello destacaron a súa figura como exemplo do esforzo, do traballo e da tradición mariñeira que caracterizan á vila de Corme e ao municipio de Ponteceso.

A administración local subliñou tamén a súa aposta por dar protagonismo á xente da comarca nas celebracións máis representativas do municipio. «Queremos pregoeiros e pregoeiras da nosa casa, con raíces, con historia e cun compromiso real coa nosa terra, porque ninguén mellor ca eles pode transmitir a esencia do noso municipio», sinalaron.

O Concello quixo facer extensivo o seu agradecemento á Asociación Promoción Percebe do Roncudo, así como a todas as persoas voluntarias, colaboradores e participantes que contribuíron ao éxito desta trixésimo cuarta edición.

Co balance moi positivo desta edición, Ponteceso reafirma o seu compromiso de seguir impulsando unha festa que cada ano consolida o seu prestixio, promovendo o percebe do Roncudo como un dos grandes referentes gastronómicos de Galicia e poñendo en valor o patrimonio mariñeiro, cultural e humano do municipio.