
As instalacións deportivas de Neaño, no concello de Cabana de Bergantiños, serán obxecto dunha importante renovación cunha actuación que modernizará o campo das Redondas.
O proxecto para o cambio do céspede do campo das Redondas, en Neaño, foi adxudicado por preto de 400.000 euros. A intervención permitirá dotar as instalacións dun céspede de última xeración nunha superficie de 6.427 metros cadrados, mellorando as condicións para a práctica deportiva.
Ademais da renovación do terreo de xogo, os traballos contemplan unha actuación integral sobre diferentes elementos da instalación. Así, levarase a cabo a renovación do sistema de rego e da rede de pluviais, coa finalidade de mellorar tanto o mantemento do campo como a correcta evacuación das augas.
O proxecto tamén inclúe a instalación de iluminación LED, máis eficiente e moderna, así como a renovación das porterías, os bandeiríns de córner e as varandas de seguridade.
A actuación supón, deste xeito, unha importante mellora das instalacións deportivas do campo das Redondas, que contará cun equipamento máis moderno, seguro e adaptado ás necesidades actuais dos deportistas e usuarios.
