Carballo reclama unha conexión directa en autobús co CHUAC adaptada aos turnos de traballo

Centos de persoas apoian xa a reivindicación dun servizo directo desde Bergantiños ata a zona hospitalaria da Coruña

Profesionais de Bergantiños que se desprazan diariamente ata o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) reclaman unha conexión directa en autobús que permita adaptar os horarios do transporte público aos seus turnos de traballo. A petición conta xa co apoio de centos de persoas, que este xoves se concentraron na Praza do Concello de Carballo para visibilizar unha reivindicación que, segundo as súas promotoras, se mantén desde polo menos 2023.

Na concentración participou o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, xunto con varios integrantes do goberno municipal. Posteriormente, dous representantes do colectivo mantiveron unha reunión co rexedor e co concelleiro Ramón Varela, á que trasladaron as dificultades que afrontan diariamente para acudir ao seu posto de traballo utilizando o transporte público.

O Concello de Carballo expresou o seu apoio á reivindicación e comprometeuse a colaborar para trasladala ás administracións competentes. «Non estamos falando de crear un servizo por comodidade, senón de facer que o transporte público sexa unha alternativa real ao coche particular», sinalou Daniel Pérez.

Autobuses sen conexión directa co hospital

Aínda que existen actualmente conexións en autobús entre Carballo e A Coruña, as persoas afectadas consideran que non responden ás súas necesidades. O principal problema é que os servizos non chegan directamente á zona hospitalaria e tampouco están coordinados cos horarios dos turnos ordinarios do CHUAC, que comezan ás 08:00, 15:00 e 22:00 horas.

A alternativa pasa actualmente por combinar o transporte interurbano co urbano, o que obriga a realizar transbordos, afrontar tempos de espera e desprazarse a pé entre diferentes paradas. Segundo os cálculos achegados polas promotoras, o percorrido pode chegar a prolongarse ata unha hora e media por traxecto. Isto suporía que algúns profesionais poderían dedicar arredor de tres horas diarias aos desprazamentos de ida e volta ao traballo.

O colectivo tamén advirte do impacto económico que supón depender do vehículo particular, debido ao gasto en combustible, mantemento e aos peaxes da AG-55. Ademais, sinalan consecuencias sobre a conciliación da vida laboral e familiar, a seguridade viaria, as emisións contaminantes e a saturación do aparcadoiro no contorno hospitalario.

As dificultades son aínda maiores para as persoas con mobilidade reducida ou outras limitacións, xa que os transbordos e os percorridos a pé complican especialmente os seus desprazamentos.

Un servizo piloto entre Bergantiños e o CHUAC

As promotoras da iniciativa propoñen que os concellos de Carballo, Cabana de Bergantiños, Coristanco, Laxe, Ponteceso, Vimianzo, Malpica de Bergantiños e A Laracha apoien conxuntamente a petición.

Entre as medidas formuladas figura a celebración dunha reunión coa Xunta de Galicia, a dirección do CHUAC e as empresas concesionarias do transporte para estudar a demanda existente e analizar a posible posta en marcha dun servizo piloto directo entre Bergantiños e o complexo hospitalario.

A proposta inicial contempla unha conexión adaptada aos turnos de mañá e tarde, coa posibilidade de ampliar posteriormente o servizo ao horario nocturno. Tamén se plantexa deseñar unha ruta que permita que persoas residentes noutros municipios da comarca poidan acceder á conexión directa a través de Carballo.

O obxectivo do colectivo é que o transporte público se converta nunha alternativa viable para os numerosos profesionais que se desprazan diariamente desde Bergantiños ata a zona hospitalaria da Coruña, reducindo tempos de viaxe, custos e a dependencia do vehículo privado.