
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, recibiu esta semana ao piloto galego Fran Gómez Pallas nun acto institucional celebrado con motivo da súa histórica vitoria no Rally Dakar 2026, na categoría de motos eléctricas. A competición disputouse entre os días 3 e 17 de xaneiro en Arabia Saudí e supuxo un fito para o deporte do motor galego e para a mobilidade sostible no ámbito da competición.
Durante a recepción, o titular do Executivo autonómico puxo en valor o elevado nivel dos deportes de motor en Galicia e destacou o papel pioneiro de Gómez Pallas na aposta polas tecnoloxías sostibles aplicadas ao motociclismo de alto rendemento.
Rueda subliñou tamén a importancia do motociclismo dentro do tecido deportivo galego, lembrando que a finais do pasado ano Galicia contaba con 617 licenzas federativas en activo e un total de 48 clubs dedicados a esta disciplina.
Ademais, o presidente destacou o compromiso da Xunta co impulso do deporte do motor, sinalando que entre os anos 2009 e 2026 o Goberno galego destinou preto de 1,9 millóns de euros ao apoio desta actividade.
A vitoria de Fran Gómez Pallas no Dakar consolídao como unha das grandes referencias internacionais do motociclismo sostible e sitúa Galicia no mapa mundial da innovación deportiva e tecnolóxica.


