
A formación rexistrou un rogo para o pleno municipal co obxectivo de solicitar a retirada inmediata da maleza que impide iluminar correctamente o alumeado público.
Alternativa Enxebre denuncia o estado dunha farola municipal situada no lugar de Rorís, na parroquia de Armentón, que se atopa completamente cuberta pola maleza, impedindo que cumpra coa súa función de iluminación.
Segundo sinala a formación, a luminaria está situada xusto na entrada do camiño municipal que comunica Rorís coa Esfarrapa.
A denuncia xorde a raíz das peticións trasladadas pola veciñanza, que reclama unha actuación para recuperar o correcto funcionamento do alumeado público.
Ante esta situación, Alternativa Enxebre rexistrou esta mañá un rogo para o pleno municipal previsto para mañá, no que solicita ao Goberno local do Partido Popular a retirada inmediata da vexetación que invade a farola.
A formación aproveitou a denuncia para cuestionar as prioridades municipais, contrapondo o orzamento de máis de 70 millóns de euros do Concello coa existencia de infraestruturas básicas que, segundo apunta, non poden cumprir adecuadamente a súa función por falta de mantemento.
