Alternativa Enxebre denuncia a retirada do parque infantil da Cachopa e reclama ao Concello que aclare o futuro da zona verde

A formación critica a falta de mantemento do espazo do Alto de Arteixo e pide a reposición dos xogos infantís, a reparación do mobiliario e o acondicionamento integral da área

Arteixo.— Alternativa Enxebre denuncia a situación na que se atopa a área verde da Cachopa, no Alto de Arteixo, despois de que o Goberno municipal do Partido Popular retirase hai varios meses os xogos infantís existentes neste espazo sen que, segundo a formación, foran repostos ata o momento.

A organización considera que, na práctica, a retirada dos elementos supuxo a desaparición do parque infantil dunha zona verde destinada ao uso da veciñanza. Á ausencia dos xogos súmase, segundo denuncia, o deterioro de diferentes elementos do mobiliario urbano, entre eles os bancos, as papeleiras e a fonte.

Alternativa Enxebre cuestiona que esta situación se manteña durante meses cando, segundo sinala, o Goberno municipal asegurou no Pleno que o Concello dispón dunha empresa contratada para o mantemento dos parques e zonas infantís.

A formación reclama ao Executivo local que explique por que se retiraron os xogos infantís, se está prevista a súa reposición e que actuacións se contemplan para reparar e acondicionar a área verde da Cachopa.

Preguntas sobre o futuro do espazo

Alternativa Enxebre tamén pide coñecer se existe algún proxecto ou actuación urbanística prevista neste ámbito. A formación considera necesario aclarar o futuro da zona ante a evolución que, ao seu xuízo, está a experimentar o espazo, coa retirada dos equipamentos e a falta de mantemento.

A organización pon esta situación en relación co parque infantil situado xunto ao Centro de Saúde de Vilarrodís, sobre o que asegura que o Goberno municipal confirmou no Pleno a súa intención de eliminalo.

“Non imos mirar para outro lado mentres outra área verde vai perdendo pouco a pouco os seus equipamentos”, sinala Alternativa Enxebre.

A formación reclama ao Concello a reposición dos xogos infantís, a reparación do mobiliario deteriorado e o acondicionamento e mantemento integral da zona.

Finalmente, Alternativa Enxebre esixe ao Goberno municipal unha resposta sobre o futuro da área verde da Cachopa e pregunta se existe algunha actuación ou operación urbanística prevista neste espazo.

As áreas verdes e os espazos públicos son da veciñanza”, reivindica a formación.