Alternativa Enxebre pide explicacións pola granxa porcina de Lañas e anuncia que levará o caso á Fiscalía

A formación reclama ao Concello de Arteixo os expedientes da explotación, cuestiona o cambio de titularidade e pide explicar por que se autorizan obras nunha actividade que, segundo o Goberno local, non dispón de licenza nin comunicación previa

Arteixo, 26 de setembro de 2026. — Alternativa Enxebre reclama explicacións ao Concello de Arteixo sobre a situación administrativa da explotación porcina situada na Ermida, na parroquia de Lañas, despois de que, segundo a formación, o concelleiro de Urbanismo, Alberto Castro, recoñecese no último Pleno que a actividade non conta con licenza de actividade nin con comunicación previa.

A concelleira de Alternativa Enxebre Noelia Martínez Canosa considera necesario aclarar con que título habilitante leva funcionando a explotación durante todos estes anos e qué trámites se realizaron cando a granxa pasou a estar arrendada a una persoa distinta da propietaria.

«O propio concelleiro de Urbanismo recoñeceu no último Pleno que a explotación non ten licenza de actividade nin comunicación previa. Agora queremos saber con que título se permitiu funcionar durante todos estes anos e como se tramitou o cambio de titularidade cando a granxa foi arrendada», afirma Martínez.

A formación considera especialmente relevante aclarar tamén o fundamento administrativo das obras ou melloras realizadas recentemente na explotación. Segundo Alternativa Enxebre, o Goberno municipal recoñeceu no Pleno que se autorizaron actuacións que aínda se estarían executando.

A pregunta que formula a formación é cal foi o procedemento seguido para autorizar esas obras e que requisitos urbanísticos e administrativos se esixiron.

O cambio de titularidade, no punto de mira

Alternativa Enxebre asegura que a explotación leva anos arrendada a unha persoa distinta do propietario e reclama coñecer que documentación figura nos expedientes municipais respecto do cambio de titularidade.

A formación cita a Lei 9/2013 e o Decreto 144/2016 para reclamar que se aclare se a modificación foi comunicada ao Concello e que título habilitante inicial se identificou no procedemento.

«Se o propio concelleiro afirma que non existe licenza de actividade nin comunicación previa, que título habilitante inicial se fixo constar cando cambiou a persoa que explota a granxa? Comunicouse ese cambio ao Concello? E, se non se comunicou, quen figura oficialmente como titular da actividade?», pregunta Martínez.

Alternativa Enxebre compara o caso coa actuación municipal de 2021

A formación tamén pon o foco nun precedente relacionado coa empresa de materiais de construción Pombo. Segundo a información publicada daquela por La Opinión A Coruña, o Concello comprobou que a actividade carecía de licenza e, tras realizar comprobacións policiais e técnicas, acordou a súa suspensión inmediata como medida cautelar.

Alternativa Enxebre sinala que aquela resolución estaba asinada polo concelleiro de Urbanismo, Alberto Castro, e pide coñecer que diferenzas administrativas ou xurídicas existen entre aquel expediente e o da explotación porcina de Lañas.

«En 2021, Alberto Castro asinou unha suspensión inmediata ante unha actividade sen licenza. En 2026, recoñece no Pleno que a granxa de Lañas non ten licenza de actividade nin comunicación previa e, porén, continúa funcionando. O Concello ten que explicar documentalmente por que a súa actuación é diferente», sinala Martínez.

A Valedora do Pobo admitiu a trámite a queixa

A concelleira lembra ademais que solicitou formalmente ao Concello o acceso á documentación relacionada coa explotación o pasado 17 de agosto e asegura que continúa sen recibir os expedientes reclamados.

Ante a falta de acceso á información, Martínez recorreu á Valedora do Pobo. Segundo informa Alternativa Enxebre, a institución admitiu a trámite a queixa e requiriu información e un informe ao Concello de Arteixo.

A formación reclama agora coñecer os expedientes administrativos, informes técnicos, inspeccións, autorizacións de obras e melloras, antecedentes e documentación relacionada coa titularidade da explotación.

O caso poderá chegar á Fiscalía

Alternativa Enxebre anuncia que, unha vez recompilada e ordenada toda a documentación, trasladará os feitos á Fiscalía para que determine se das actuacións ou posibles omisións administrativas puidesen derivarse responsabilidades penais.

«Poremos en coñecemento da Fiscalía toda a documentación relativa ás actuacións do alcalde, Carlos Calvelo; do concelleiro de Urbanismo, Alberto Castro; e dos técnicos municipais que interviñesen nos expedientes, informes ou autorizacións relacionados coa explotación. Será a Fiscalía a que determine se existe ou non responsabilidade penal», manifesta Martínez.

A formación insiste en que o seu obxectivo é coñecer os antecedentes administrativos da explotación e as razóns polas que o Concello tería actuado de maneira diferente respecto doutros expedientes.

«O que estamos esixindo é algo tan básico como que a lei se aplique por igual a todos. Queremos os expedientes, queremos explicacións e queremos saber por que se permitiu chegar ata aquí. E se existen actuacións que poidan ter relevancia penal, poremos toda a documentación en mans da Fiscalía para que se investiguen e se determinen as responsabilidades que correspondan», conclúe Noelia Martínez.