
Noelia Martínez Canosa presenta unha moción para esclarecer a retirada de marcos, determinar posibles ocupacións de terreos particulares e reclamar responsabilidades sobre as actuacións realizadas.
Arteixo, 21 de outubro de 2026. A concelleira de Alternativa Enxebre, Noelia Martínez Canosa, presentou unha moción para o seu debate no Pleno ordinario de outubro coa que solicita ao Goberno municipal que investigue as actuacións realizadas no camiño que comunica Rorís, en Armentón, coa Esfarrapa, en Barrañán, e restitúa os terreos particulares que se acredite que foron ocupados sen título legal suficiente.
A iniciativa responde ás denuncias de varios propietarios, que aseguran que durante as obras se ampliou a vía a costa das súas fincas, sen consentimento nin comunicación dun procedemento expropiatorio.
Segundo explica a concelleira, visitou a zona os días 5, 7, 19 e 20 de outubro para comprobar a evolución dos traballos e manter contacto coas persoas afectadas. Durante estas visitas, observou o ancheamento do camiño, a retirada de marcos delimitadores e puntos nos que a vía supera os catro metros de anchura.
Martínez Canosa sinala tamén que, unha vez rematados os traballos de pavimentación e retirada a maquinaria, os terreos afectados continuaban sen restituírse e os marcos non foran repostos. Ademais, asegura que os propietarios lle trasladaron que recibiron compromisos municipais para recuperar os terreos, aínda pendentes de cumprimento.
«Non podemos permitir que se executen obras municipais sen respectar os dereitos dos propietarios. Se se ocuparon terreos particulares sen autorización nin título legal suficiente, o Concello debe restituílos e asumir as responsabilidades que correspondan», afirma.
Un proxecto que non contemplaba cambios na traza nin expropiacións
A concelleira lembra que o proxecto municipal, aprobado en xuño de 2026, establece que as actuacións previstas non implican modificacións da traza nin da rasante do camiño.
Así mesmo, a documentación técnica recolle un orzamento de cero euros para expropiacións, ao partir da consideración de que as obras se executarían sobre terreos de titularidade municipal.
Para Alternativa Enxebre, estes antecedentes fan necesario comprobar se os traballos realizados se axustaron ao proxecto aprobado e se existe cobertura legal para a ocupación dos terreos sinalados polos propietarios.
A moción pide identificar os responsables das actuacións
A iniciativa reclama que o Goberno municipal aclare quen ordenou e autorizou o ancheamento do camiño, quen exerceu a dirección e supervisión das obras e quen deu o visto e prace á retirada dos marcos das propiedades lindeiras.
«Queremos saber quen ordenou o ancheamento do camiño, quen autorizou a retirada dos marcos e quen supervisou estas actuacións. Os responsables municipais de Obras e Urbanismo deben dar explicacións claras e documentadas», esixe Martínez Canosa.
A formación tamén pide esclarecer a intervención da dirección facultativa e da empresa contratista, co obxectivo de determinar se as actuacións estaban incluídas no proxecto inicial ou se responderon a instrucións posteriores.
Para iso, a moción solicita unha inspección técnica, un levantamento topográfico e a elaboración dun informe técnico e xurídico que determine a titularidade dos terreos afectados e a existencia de títulos legais que amparen a súa ocupación.
Restitución dos terreos e un calendario de actuacións
Entre as medidas propostas figura a restitución, coa maior brevidade posible, dos terreos particulares que se confirme que foron ocupados sen título legal suficiente, así como o restablecemento dos límites das propiedades e a reposición dos marcos retirados.
Alternativa Enxebre reclama igualmente explicacións sobre os compromisos trasladados aos propietarios e a fixación dun calendario con prazos concretos para executar as medidas correctoras que correspondan.
«Os propietarios afectados non poden quedar indefensos ante unha actuación municipal. Esiximos que se esclareza o sucedido, se restitúan os terreos ocupados indebidamente e se establezan prazos concretos para solucionar esta situación», conclúe a concelleira.
Desde Alternativa Enxebre defenden que a mellora dos camiños rurais debe realizarse con respecto á legalidade, aos proxectos aprobados e aos dereitos das persoas propietarias. A formación pide ao Goberno municipal que achegue documentación sobre o sucedido, determine as responsabilidades que correspondan e adopte as medidas necesarias para garantir os dereitos da veciñanza afectada.

