
Muxía. A Garda Civil desenvolve este luns unha ampla operación contra o narcotráfico no municipio de Muxía, que se salda polo de agora con varias persoas detidas, a maioría veciñas da localidade.
O operativo inclúe rexistros en varias vivendas, garaxes e baixos situados en diferentes puntos do municipio. Desde primeiras horas da mañá, numerosos vehículos da Garda Civil, tanto uniformados como camuflados, permanecen despregados polas rúas da localidade.
A operación tamén conta coa participación de efectivos do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS). Unha lancha semirríxida deste corpo foi localizada durante a mañá nos accesos á praia de Arnela, xunto a varios vehículos policiais.
Tiroteo durante un control
O operativo comezou xa durante a madrugada, con varios controis establecidos en diferentes puntos de Muxía. Un deles situouse nas inmediacións do campo de fútbol da Arliña e rematou cun incidente no que os axentes da Garda Civil realizaron polo menos dous disparos contra un vehículo.
Por agora non transcenderon máis detalles sobre as circunstancias concretas do tiroteo nin sobre se algunha persoa resultou ferida neste incidente.
A presenza policial mantense durante a mañá en distintos puntos da localidade, mentres continúan os rexistros e as actuacións relacionadas coa investigación contra o tráfico de drogas.
A Garda Civil mantén aberta a operación e prevese que nas próximas horas poidan transcender novos datos sobre o número de detidos, os efectos intervidos e o alcance da investigación.