
Dúas versións distintas sobre Vilas en Flor: APIN lembra que o alcalde asegurara que nunca pagaría por recibir premios ou diplomas.
APIN Ponteceso cuestiona a postura do alcalde de Ponteceso tras a recente entrega dun diploma do certame Vilas en Flor, acompañado dunha Flor de Honra, que foi recollido por unha concelleira do municipio.
Desde APIN lembran que hai dous anos o alcalde manifestara publicamente, con especial solemnidade, que mentres permanecese no cargo nunca pagaría por recibir un premio ou un diploma, en clara referencia ao programa Vilas en Flor.
Porén, dous anos despois, Ponteceso volve aparecer vinculado a este certame coa recepción dun novo recoñecemento, unha situación que desde APIN consideran contraditoria coas declaracións realizadas no seu día polo rexedor.
A formación tamén cuestiona o funcionamento do propio certame. Segundo sinalan, sería razoable que Vilas en Flor estivese aberto a todos os concellos pequenos de Galicia en igualdade de condicións, pero critican que a participación estea vinculada ao pagamento dunha cota anual.
«Unha vez máis, e xa van unhas cantas, o señor alcalde contradí as súas propias palabras», sosteñen desde APIN, que consideran necesario explicar á veciñanza cal foi o compromiso adquirido hai dous anos e por que agora se participa novamente nesta iniciativa.
Para APIN, a cuestión non é simplemente recibir unha distinción, senón manter a coherencia entre o que se di publicamente e o que finalmente se fai desde o Goberno municipal.
A formación conclúe cuestionando a credibilidade das declaracións do alcalde e reclama explicacións sobre este cambio de postura.
