
O grupo APIN anunciou a súa intención de presentar unha moción no próximo pleno municipal de xullo co obxectivo de impulsar o estudo da viabilidade de que o Concello de Ponteceso asuma directamente a xestión do parque eólico situado na zona do Faro de Brantuas, cuxa concesión actual a unha empresa privada remata no ano 2027.
Segundo explican desde a formación, esta proposta xa fora abordada ao inicio da lexislatura na comisión de transparencia, onde se expuxo a posibilidade de analizar fórmulas de xestión directa das instalacións eólicas municipais. O obxectivo sería que os ingresos xerados polo parque repercutisen de maneira directa na veciñanza, ben a través de reducións na factura eléctrica ou mediante investimentos en obras e melloras no municipio.
APIN sinala que naquela etapa inicial xa se propuxo contar con asesoramento especializado e mesmo se mencionaron posibles persoas expertas para avaliar as opcións de xestión.
Na nova iniciativa, o grupo propón a creación dunha comisión de expertos para analizar o futuro do parque eólico e o seu potencial como fonte de ingresos públicos. Entre os nomes propostos figuran o economista Xoán Doldán García, decano da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela e natural de Ponteceso, e Rosa María Regueiro Ferreira, profesora da mesma facultade, ambos integrantes do grupo de investigación en bioeconomía, economía ecolóxica e dos recursos naturais.
APIN confía en que o resto dos grupos políticos municipais apoien a iniciativa co fin de explorar alternativas que permitan optimizar o aproveitamento das infraestruturas enerxéticas existentes no municipio e maximizar o seu retorno social.