As Palilleiras Nemanquiñas comparten unha xornada de convivencia en Vimianzo

A Asociación de Palilleiras Nemanquiñas celebrou unha comida de confraternidade na que participou a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, acompañada de representantes municipais.

A xuntanza reuniu as socias e a directiva da entidade nunha xornada de convivencia e recoñecemento ao labor que desenvolven ao longo de todo o ano para manter viva a tradición do encaixe de palillos.

No encontro estiveron presentes tamén as concelleiras de Cultura, Rosa Blanco, e de Turismo, Betty Pazos, así como as técnicas municipais Nieves Lema e Mariví Amigo.

Durante a celebración púxose en valor o traballo das integrantes da asociación, que contribúen a preservar e transmitir unha das artesanías máis representativas da cultura tradicional galega.

A alcaldesa trasladou o agradecemento municipal á directiva e, especialmente, á súa presidenta, Lourdes, polo seu compromiso coa promoción do encaixe, pola actividade que desenvolven no Castelo de Vimianzo e pola organización da Xuntanza de Palilleiras.

Unha comida que serviu para compartir momentos de convivencia e agradecer o esforzo dun colectivo de mulleres que, co seu traballo e dedicación, segue mantendo vivos os fíos dunha tradición que forma parte da identidade de Vimianzo.