Dous incendios en cadros eléctricos mobilizan os bombeiros en Ribeira e Boiro

Dúas incidencias relacionadas con incendios en cadros eléctricos rexistráronse onte arredor das 22.00 horas nos concellos de Ribeira e Boiro, o que obrigou a mobilizar simultaneamente os servizos de emerxencias.

Unha das intervencións tivo lugar nunha vivenda situada na rúa Amarella, en Ribeira, ata onde se desprazou a dotación de garda dos Bombeiros de Ribeira para atender un incendio no cadro eléctrico do inmoble.

De maneira simultánea, o 112 Galicia alertou doutra incidencia de características similares no lugar do Touro. Neste caso, a intervención foi atendida polos efectivos da A.D.C. Bombeiros de Boiro.

Dúas actuacións practicamente simultáneas que requiriron a mobilización dos equipos de extinción de ambos os parques de bombeiros.

Polo momento, non transcenderon máis detalles sobre as circunstancias nas que se produciron estes incidentes.