
O Concello de Carballo xa puxo en marcha as obras de mellora integral da estrada que comunica As Torres de Oza e Cances Grande. A actuación, cun investimento de 480.000 euros, permitirá renovar por completo os 3,3 quilómetros da vía e mellorar de forma notable a seguridade e a mobilidade entre as parroquias de Oza e Cances.
Os traballos inclúen a renovación integral do firme, a execución de sobreanchos e a mellora da drenaxe, así como a construción de tres muros de contención e a renovación da sinalización viaria.
Ademais, a obra aproveitarase para seguir ampliando os servizos públicos no rural, coa instalación de 1.450 metros da futura rede municipal de abastecemento de auga.
Esta actuación forma parte do compromiso do Concello de Carballo coa mellora das comunicacións e das infraestruturas nas parroquias, combinando a renovación das vías coa extensión dos servizos básicos.
Máis actuacións en marcha
O investimento nas parroquias continúa con novas intervencións:
- Entrecruces: están en avaliación as ofertas para mellorar o acceso á Igrexa e Casais, cun investimento de máis de 103.000 euros.
- Aldemunde: rematou o prazo de presentación de ofertas para a mellora integral de Aldemunde de Arriba. Presentáronse dúas propostas, cun orzamento de máis de 237.000 euros.
Con estas actuacións, o Concello continúa avanzando na mellora da seguridade viaria, das comunicacións e dos servizos públicos nas parroquias de Carballo.